Nova edición de "Escola Verde" en Galicia
"Escola Verde" chegará a máis de 1.400 alumnos dos centros participantes.
A Xunta desenvolve unha nova edición do programa educativo "Escola Verde", impulsado por MeteoGalicia, que neste curso acollerá a participación dun total de dez centros de ensino. O programa arrancou cunha xornada formativa telemática dirixida aos 110 profesores que se encargarán desta iniciativa.
Trátase dun programa que ten por obxectivo acadar cambios de comportamento e fomentar actitudes responsables co medio ambiente en todos os aspectos do eido escolar. Así, cada centro escolle unha temática sobre a que traballar durante o curso escolar, para concienciar aos alumnos no respecto pola biodiversidade e a natureza desde as idades máis temperás. Entre as propostas destacan temas tan innovadores como a arquitectura
bioclimática e a súa importancia como sumidoiro de CO 2 , presentada polo IES Valga.
Na edición de 2021-2022 están inscritos centros de educación infantil, primaria e secundaria de todas as provincias, e destacan o CPR Plurilingüe Divina Pastora, de Ourense, que participa nas tres etapas educativas; así como o CEIP Refoxos, de Oia, e o CEIP Plurilingüe Nº1, de Tui, que repiten experiencia.
Escola Verde, xunto con MeteoEscolas, é un dos programas recollidos no Plan Proxecta+, unha iniciativa da Consellería de Cultura, Educación e Universidades na que colaboran diferentes organismos e está pensada para fomentar a innovación educativa nos centros, así como potenciar o traballo cooperativo, interdisciplinar e competencial.
Entre os centros de ensino participantes están os xa citados anteriormente o CEIP Refoxos de Oia, o CEIP Plurilingüe Nº 1 de Tui e o CPR Plurilingüe Divina Pastora en Ourense, e tamén participan, o CEIP de Atín-Cela do Porriño, o IES de Valga, o CEIP Emilia Pardo Bazán de Vigo, o CEIP Plurilingüe O Ruxidoiro de Barbadás, o IES Nosa Señora dos Ollos Grandes de Lugo, o CEIP A Ramallosa de Teo e o IES Saturnino Montojo de Ferrol.