O BNG de Arteixo denuncia a falta de accesibilidade aos novos contenedores
O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego denuncia "o incumprimento sistemático da lei de accesibilidade e eliminación de barreiras no concello de Arteixo". Nesta ocasión, pois non é a primeira vez que poñen o foco na accesibilidade no concello, o BNG denuncia a accesibilidade aos novos contenedores de lixo.
Así, expoñen que "os novos contedores do lixo non só teñen grandes barreiras na súa ubicación, (por non decir que para tirar o lixo nalgúns tes que poñerte nos carrís da estrada co risco que iso supón para a seguridade) senón que non están feitos con criterios de accesibilidade". "Algo que loxicamente limita que as persoas con calquera tipo de diversidade funcional os poidan usar".
Dende o BNG lembran que a accesibilidade é un dereito básico que garante a non discriminación por razóns de idade ou caracterísiticas funcionais de todas as persoas para, deste xeito, poder integrarse e vivir nun espazo físico. O espazo público ten que ser de todas e todos e polo tanto todos os elementos do mobiliario urbano teñen que estar perfectamente deseñados e colocados de xeito accesíbel.
Respecto da actual situación cos novos contenedores de lixo, sinalan que "cando se levou a pleno o prego, o BNG xa advertiu desta circunstancia mais, como ben sendo habitual no goberno, non rectifican nin aceptan propostas". Ademais, Silvia Seixas, portavoz do grupo municipal do BNG engadiu que " xa non é só que non nos escoiten a nós senón que se negan a pedir opinións de entidades especialistas que levan anos traballando e investigando como facer vilas para todas e todos”. Isto, din, pon de manifesto a falta de "sensibilidade no goberno local en temas tan importantes como o de contruír un concello onde todas e todos poidamos vivir”.
Remarcan que esta situación débese "a improvisación en todo o proceso e as présas que levan a que o concello discrimine a veciñas e veciños con diversidade e con mobilidade reducida" e engaden que "o goberno local do PP de Arteixo é un exemplo de como xenerar novas barreiras”.