O comercio galego celebrará unha nova edición dos "Días Azuis"
A directora xeral de Comercio e Consumo,
Sol Vázquez, participou esta mañá en Santiago de Compostela na presentación da
segunda edición da campaña Días azuis do comercio galego, organizada
pola Federación Galega de Comercio, Abanca e a Xunta, e que se celebrará do 13
ao 26 de maio co obxectivo de dinamizar o comercio de proximidade.
Na súa intervención, a directora xeral
destacou que durante estas dúas semanas o obxectivo da campaña é visibilizar os
establecementos que están a pé de rúa e dinamizar o comercio de proximidade,
“tan importante para a nosa economía”. Neste sentido, animou aos galegos e
galegas a comprar, gozar e apoiar a actividade deste tipo de locais ao longo de
todo o ano.
Os clientes dos comercios que realicen as
súas compras entre estas dúas datas deberán rexistrar o seu tícket en www.diasazuis.com,
ou ben solicitar que a rexistre o propio comerciante.
Entre todos os participantes sortearanse un
total de 16.200 euros en 80 tarxetas prepago: 28 de 300 euros e 52 de 150
euros, que deberán ser utilizadas polos gañadores nos establecementos
tradicionais galegos. O sorteo, ante notario, realizarase o vindeiro 29 de
maio.
A iniciativa enmárcase no Plan
estratéxico de impulso ao comercio de Galicia que a Xunta está a desenvolver
para reforzar este sector e que contempla un total de 55 accións específicas
ata 2020.