O XX Concurso de Música Tradicional de Xiradela congrega a medio cento de grupos de pandereteiras
A Asociación Xuvenil Xiradela de Arteixo (A Coruña) celebra este domingo (14 de abril), en horario de mañá e tarde, a vixésima edición do seu Concurso de Música Tradicional. O Auditorio do Centro Cívico de Arteixo acolle o acto. A entrada para presenciar o concurso é de balde. Desde o 2000 a cita mantívose activa ano tras ano consolidándose deste xeito no circuíto de concursos deste perfil. A contía dos premios en metálico, doados polo Concello de Arteixo, suman 1.900 euros en total. Os gañadores das categorías A e B levarán 250€ e trofeo, mentres que os da C e D recibirán 300€ e trofeo, pero a lista de galardóns é máis longa.
A inscrición, aberta a escolas, agrupacións xuvenís, culturais, folclóricas, etc. sumou este ano ata 33 colectivos das provincias da Coruña, Lugo e Pontevedra. Boa parte deles preséntase a concurso en distintas categorías. Os grupos participantes poden ser femininos, masculinos ou mixtos, sendo obrigatorio o uso do traxe tradicional na actuación. En total serán 52 formacións. Hai unha única modalidade: grupos de pandereteiras, pero ata catro categorías que dividen aos participantes por idades deste xeito:
A. Ata os 10 anos (13 grupos participantes)
B. De 11-13 anos (14 grupos participantes)
C. De 14-17 anos (14 grupos participantes)
D. De 18 anos en diante (11 grupos participantes)
Cada grupo terá un tempo límite de cinco minutos para interpretar a peza ou pezas coas que tomará parte no certame. Superar ese tempo, supón a descualificación.
Trátase dun concurso que naceu no ano 2000 coa intención de promover a participación das escolas de música tradicional para que os rapaces e rapazas puideran ter máis actuacións e que se relacionasen entre si, facilitando así o coñecemento da nosa cultura.
Máis de 1.000 persoas visitarán Arteixo entre público e artistas
A afluencia de público á cita adoita ser grande. Como en anos previos, espérase que, á marxe dos cantadores e cantadoras participantes, en Arteixo se dean cita ao redor de 1.000 persoas para gozar da actuación dos pandereteiros/as.
Achégase xente de toda Galicia, con predominio de público da Coruña e Pontevedra por ser as provincias que contan con maior participación de concursantes.
A entrada é gratuíta, pero o aforo limítase a 300 persoas sentadas. Presúmese que, como en anos previos, o Auditorio do Centro Cívico de Arteixo estea cheo ao longo do día, pero con rotación constante de público.
Quince premios, catro por categorías
Rematada a actuación de todos os grupos participantes será a quenda do xurado que determinará que grupos son os que resultan gañadores. En total repartiranse quince premios, catro por categoría. Valorarase cuestións como:
- A autenticidade da peza, que terá que ser tradicional.
- A súa dificultade.
- A afinación e a interpretación.
Mentres deliberan os membros do xurado, grupos da escola de baile e música tradicional da A.X. Xiradela farán unha exhibición.
O punto e final da xornada será a entrega de premios que serán os seguintes:
CATEGORÍAS A e B:
1º premio: trofeo e 250 €
2º premio: trofeo e 200 €
3º premio: trofeo
Premio ao mellor vestiario en cada categoría.
CATEGORÍA C e D:
1º premio: trofeo e 300 €
2º premio: trofeo e 200 €
3º premio: trofeo
Premio ao mellor vestiario en cada categoría.Q
A Asociación Xuvenil Xiradela, radicada no concello de Arteixo, nace no ano 1982 co obxectivo de recuperar o noso folclore e gozar do tempo de lecer, así como de colaborar con outras asociacións ou entidades que nos permiten, por un lado difundir o noso traballo, e por outro, axudan a promover a socialización dos rapaces con xente doutras asociacións.
Comezamos impartindo a actividade de baile tradicional, e despois ampliamos ás actividades de pandeireta e canto tradicional, gaita e percusión.
A partir do ano 1984 créase un grupo de investigación para a recollida de música, cantigas, literatura oral, costumes, bailes e traxes dos nosos devanceiros, a súa recuperación e divulgación, pretendendo ser o máis fieis posibles coa máis pura tradición galega.
Ademais do concurso de música, dende o ano 1987 e de xeito continuo vimos celebrando o Día da Muiñeira en Arteixo no mes de xuño. Trátase dunha exhibición na rúa de bailadores e bailadoras da peza máis emblemática do noso folclore.