As obras da rotonda de Sabón mantén os prazos previstos
Na visita realizada á obra no pasado mes de setembro, a conselleira de Medio Ambiente, Ethel Vázquez, comprometérase a realizar unha reunión informativa antes da posta en servizo da obra, para acadar a mellor funcionalidade posible da nova actuación.
O obxectivo desta obra, na que se invisten máis de 10 millóns de euros, é reducir as retencións que se producen, fundamentalmente en hora punta, na glorieta existente e mellorar a fluidez do tráfico que conflúe neste punto.
Na rotonda de Sabón, desemboca o tráfico da AC-552, estrada de Fisterra, que presenta, desde hai anos, unha elevada intensidade (máis de 20.000 vehículos/día), polos movementos entre os polígonos industriais da área (Pocomaco e A Grela, na Coruña, Sabón, en Arteixo, e Bértoa, en Carballo) e os numerosos desprazamentos cara á cidade. Conflúen, ademais, os vehículos da AC-551 (que enlaza a Glorieta de Sabón coa autovía A-6 e coa autoestrada AG-55); da AC-415 (estrada de Meicende); da DP-0394 (Avda. da Deputación ou Acceso Sur ao Polígono); e a da Avenida da Praia (ou Acceso Norte ao Polígono).
Para isto, execútase sobre a glorieta actual outra elevada, ás que estarán conectadas mediante ramais de acceso a estrada AC-551, a DP-0509 principal estrada de acceso ao polígono de Sabón e a AC-552 do lado de Vilarrodís (dirección A Coruña-Sabón). Deste xeito, os tráficos de maior intensidade que acceden ao polígono poderán utilizar a glorieta elevada, liberando tráfico do nivel inferior.
A intersección actual rexistra unha elevada intensidade media diaria (IMD), no entorno de 50.000 vehículos ao día, dos que máis de 4.000 son pesados. A Xunta estima que entre o 25% e o 30% do tráfico (uns 15.000 vehículos ao día) farán uso da glorieta elevada, mellorando a fluidez do conxunto dos usuarios..
Os representantes da AXI destacaron aos empresarios a importancia da boa utilización da glorieta superior, proxectada para canalizar os tráficos (principalmente os de vehículos lixeiros) entre A Coruña e o polígono de Sabón e desde este polígono cara as vías de alta capacidade próximas (A-6 e AG-55), para acadar os resultados agardados.
Traballos executados
O grao de execución da obra supera xa o 92%, polo que as obras estarán finalizadas neste ano 2014, conforme cos prazos previstos. A glorieta elevada, que conta cun raio exterior de 28 m e se executa dentro da zona axardinada da glorieta existente, está practicamente finalizada.
Nestes momentos estanse a colocar os elementos metálicos (cartelas), e no día de hoxe ademais iniciáronse as probas de carga, o que permitirá avaliar o comportamento da estrutura, quedando unicamente por executar tarefas finais coma a impermeabilización do taboleiro ou a sinalización. Os tres ramais de acceso á estrutura están moi avanzados, quedando pendentes remates nos muros e o afirmado.
O proxecto tamén recolle o desdobramento da estada AC-551, que pasará a ter dous carrís por sentido. Nos próximos días, en canto a climatoloxía sexa favorable, procederase a estender a capa de rodadura no treito desdobrado da AC-551, do que se informará con antelación posto que requirirá dalgunha restrición de tráfico, que se programará en horario de mínima afección.
Ademais, co fin de reducir o tráfico dentro da glorieta a actuación inclúe novos carrís, xa executados, de acceso directo para os vehículos que realicen o movemento desde a AC-551 cara á AC-552 (sentido á Coruña) e para os vehículos procedentes de Arteixo (AC-552) que desexen incorporarse á AC-551.
Pasarela peonil
Por outra banda, executarase antes de final do ano 2014 a cimentación da pasarela peonil que foi desmontada para a execución das obras da glorieta. Deste modo, no momento da montaxe, estes traballos de cimentación, que son os que xerarían unha maior afección ao tráfico, xa estarán feitos, aforrando molestias para os usuarios.
Fonte: consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas