As obras "Flores de ferro" e "Cubo" no auditorio de Arteixo
Teatro figurativo e audiovisual son as propostas das obras "Cubo" e "Flores de ferro" para venres e sábado
Dúas obras teatrais moi diferentes presentanse esta fin de semana non auditorio do Centro Cívico Cultural de Arteixo. Teatro figurativo e teatro audiovisual, ambos cargados de simbolismo.
O espectáculo "Cubo" ten orixe na abstracción da figura xeométrica do cubo e parte da situación de confinamento que todos vivimos. Evoca a amizade, as separacións, a necesidade de descubrir o mundo e a aventura de medrar. En escena, un cubo de 2 metros de lado, é onde habitan dous personaxes interpretados por María Torres e Gonçalo Guerreiro da compañía Elefante Elegante. Xogan, cantan, rin, pelexan e berran. Un día decátanse de que queren ir máis lonxe e descubrir o mundo enteiro. Sempre estiveron de acordo ata hoxe, mais no momento de elixir o seu destino non son quen de chegar a un consenso. Un quere viaxar cara un lado en busca de preguntas e o outro quere buscar respostas na dirección oposta. Que solución atoparán? Norte, Sur, Este ou Oeste? Xuntos ou separados?. Proposta de Elefante Elegante, teatro xestual. Venres 14 de abril ás 19:30 horas. Para público infantil e familiar. Entradas: 3 e 2,25 euros.
Flores de ferro o sábado 15 ás 19:00 horas
O guión teatral de Melandrainas, escola de teatro, está basado na novela de María Rei Vilas "Flores de ferro". Amosa a historia, a finais dos anos oitenta, as vivencias dunha moza (Camila) que vese obrigada, por necesidades familiares, a regresar a Briana, a súa aldea materna. Unha vez alí coñecerá, da man dos seus protagonistas, a verdadeira e agochada historia da súa familia, e polo tanto, a súa propia. Os personaxes da nosa historia entrelázanse no espazo e no tempo, entre os anos 1930 e 1987, dende a pequena vila de Briana (pequena vila imaxinaria, nomeada na novela pola propia autora, que a sitúa nalgún lugar do interior de Galicia, preto da costa bergantiñá), ata a cidade da Coruña. Sábado 15 de abril ás 19:00 horas. Para público adulto. Entradas con invitación.