Ollando o Atlántico dende os areais de Arteixo
A costa arteixá esta salpicada con algunhas das mellores praias bañadas polo Atlántico. Dende o seu límite con Coruña ata a fronteira con Laracha, inicio da Costa da Morte, son múltiples areais os que conquistan aos de dentro e fóra do concello. As persoas que se achegan a estas praias poden gozar dun tranquilo día de sol, dar un paseo polos longos areais, practicar surf nas bravas augas do Atlántico ou simplemente sentarse na area a divisar a fauna e o paisaxe.
O Atlántico ábrese paso ata Arteixo en forma de diversos portos e areais que debuxan unha costa formada por grandes acantilados rodeados de masa forestal. Dos diversos areais cos que conta o Concello, sete son os que contan con Bandeira Azul. Todos eles conforman unha paisaxe sen a que non se entendería o Arteixo máis natural e afastado da industria.
A natureza, a pesares de todo, sempre loce maxestuosa e por iso, en Arteixo pódese gozar en pequenas calas máis recollidas ou en grandes areais nos que que dar longos paseos e ollar o Atlántico en todo o seu esplendor.
Facemos unha ruta polas praias arteixás que contan co recoñecemento de bandeira azul por parte da Asociación de Educación Ambiental y del Consumidor (Adeac) e a Fundación Biodiversidad.
Areal do Reiro
Trátase dun pequeno areal onde se conxuga a natureza e a historia. Neste espazo situouse un campamento costeiro do Neolítico e as súas augas limpas, bravas e das que se desprende un exquisito recendo mariño fan deste recanto arteixán un lugar singular para gozar do tempo de lecer.
Areal das Combouzas
Pequena praia situada a carón do gran areal de Barrañán e debaixo dunha canteira na que se pode apreciar o gabro, un mineral escuro característico das profundidades da codia terrestre.
De area branca e fina, entre cantís, co Atlántico enfronte, constituíndo un goce para a vista e os sentidos.
Praia de Area Grande (Valcovo)
Os golfiños rondan pola contorna deste areal case cada anoitecer de verán, xogando coas ondas e espertando a imaxinación de cadaquén.Os surfistas tamén se achegan até As Combouzas para gozaren deste apaixonante deporte nas ondas do Atlántico arteixán. Nesta praia atópase a furna de San Xián, na liña de deslinde entre Arteixo e Barrañán atópase.
Praia de Area Pequena (A Ucha)
A carón de Area Grande (Valcovo). De area branca e fina, ás veces con gaiolos na súa entrada; é un recuncho do litoral arteixán moi acolledor.
Praia da Salsa
A carón da Senda Azul, preto do monumento ao voyeur, onde a práctica do surf é habitual e as vistas ao Atlántico impresionantes.
Areais de Alba/Sabón
Trátase duns areais abertos con todos os servizos e amplos aparcamentos. De augas tranquilas e impresionantes postas de sol, moi utilizados polos surfistas e onde se realizan habitualmente campionatos de Salvamento e outros deportes acuáticos.
Praia de Barrañán
É un areal aberto e de forte ondada. Conta cun paseo marítimo nas súas inmediacións dotado de mobiliario recreativo así coma un importante sistema de dunas e unha praia fósil.