“Ofrecer novas oportunidades laborais aos cidadáns”
O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, destacou hoxe en Arteixo a importancia da cooperación entre a Xunta, os concellos galegos e as entidades para ofrecer novas oportunidades laborais aos cidadáns, durante as visitas que realizou tanto ao Centro Arteixo-Innovación como ao equipo e usuarios do programa integrado de emprego Porta de entrada III, que se realiza nas instalacións da asociación Agarimo.
Na visita ao Centro Arteixo-Innovación -no que se sitúan as dependencias de Promoción Económica, así como as aulas de formación ocupacional- Casal subliñou que a mellora da orientación é unha das prioridades do Goberno galego, para o que se está traballando nun novo modelo de orientación aberta, en potenciar a atención personalizada a empresas e en afondar na formación continua do persoal técnico.
Tamén asegurou que xerar empregos de calidade e reter o
talento require da implicación de todos, polo que puxo en valor o interese do
concello de Arteixo ao que se lle concederon oito cursos para desempregados e
un programa integrado de emprego.
Asociación Agarimo
Posteriormente, o director xeral visitou as instalacións da
asociación Agarimo, onde se desenvolve o programa integrado de emprego Porta de
entrada III, no que participaron 100 usuarios que accederon a formación en
áreas como a carpintería, a limpeza industrial, vendas, actividades de
xardinaría ou camareiro.
O programa integrado de emprego inclúe actividades de
orientación e asesoramento individualizado, intermediación laboral e
acompañamento na procura de emprego, obradoiros de motivación, así como
formación transversal en novas tecnoloxías e idiomas.
O compromiso adquirido de inserción laboral mínima para esta
iniciativa, que inclúe un programa formativo adaptado á demanda das empresas da
contorna, é dun 40%.Casal explicou que Galicia está desenvolvendo 40 programas
integrados co compromiso de acadar unha inserción do 35%.
Ademais, insistiu na aposta pola formación que representa
unha prioridade para a Xunta, ben para persoas ocupadas ou ben para
desempregadas, co obxectivo de crear máis e mellor emprego para toda Galicia.
Para rematar, o director xeral salientou a importancia de adaptar as cualificacións aos perfís profesionais que precisan as empresas para competir, crecer e xerar emprego de calidade “para ofrecer novas oportunidades laborais aos cidadáns”.