Paz-Andrade, Cunqueiro e as fronteiras do Galeguismo
Xosé Antonio López Silva. Profesor, tradutor e escritor. Investigador do ILGA (USC)
Letras galegas 2012
Valentín Paz-Andrade, analista económico da cultura. En moitos actos ao longo do país, un chega a preguntarse ata qué punto lle convén tal reduccionismo a unha figura tan complexa dentro do proxecto do Galeguismo. Tal vez esa simplificación de trazos intelectuais sexa algo inherente ao propio Día das Letras Galegas. En realidade, Paz-Andrade é unha figura poliédrica marcada pola reflexión e unha constante búsqueda da modernización dun país dende as premisas da democratización, a cultura e a cidadanía. Asemade, tamén podemos ver nas ideas galeguistas de Paz-Andrade e de tantos outros -Illa Couto, Fernández del Riego-, a óptica orteguiana de Galicia coma labor. En boa medida, ata na redacción da súa obra ensaística, e mesmo na poética, Valentín é un home de acción. A reflexividade é o paso previo, mesmo complementario, cara á acción mesma; o obxectivo case único de normalización dos eidos nos que se desenvolve unha idea de país. A cultura como elemento anexo e necesario para o desenvolvemento da sociedade, da economía e da política. En definitiva, do país. Non se pode facer cultura senón se traballa pola creación dunha cultura política e socieconómica do noso. Cultura de cidadáns e para cidadáns.
Segue a ter interese comparar a Valentín Paz-Andrade con máis persoeiros similares no seu debuxo da cultura galega: Seoane, Isaac Díaz Pardo. Outros semellan máis lonxanos, coma Álvaro Cunqueiro. Malia a diferenza de idade -trece anos- e as diferenzas políticas e de implicación tras o 36, nalgúns rasgos ambos amosánse paradoxalmente parecidos. Os dous son xornalistas e directivos de xornais relevantes na historia do país. Ambos, nun determinado momento, manifestan un compromiso de apertura nesas páxinas á colaboración de persoeiros clave da cultura galega. Ambos defenden, antes do alzamento, o estatuto. O compromiso republicano de Paz-Andrade, non obstante, é irreductible e resistente. Ambos sofren persecución na actividade xornalística, nun momento determinado, pola mesma razón: publicar o epitafio de Castelao no diario La Noche en xaneiro de 1951. Ambos conflúen no entusiasmo polo proxecto de Galaxia e moitos anos despois, polo proceso autonómico, que Cunqueiro apenas logrou atisbar.
Confluenzas sutís. Os dous creen firmemente na necesidade de que Galicia ten que se dotar cunha clase social dirixente a nivel socioeconómico como vencello da acción cultural, política e empresarial. Os dous, tamén, similares na escasez do que representan: unha burguesía galeguista, que mira con ollos de envexa á catalana e en menor medida, á vasca.
Confluenzas tristes. Cunqueiro e Paz-Andrade, son, en certa medida, perdedores diferentes dentro da derrota máis ampla dun proxecto, o do galeguismo, arrasado por novos valores políticos, novas estructuras de partido e novas concepcións dun proxecto nacionalista oposto, que, nacido nos sesenta, acaba impoñéndose, e do que en boa medida asistimos hoxe ao seu fracaso. Tal vez por iso, polo que representan en canto a clase social e política, Paz-Andrade, e Cunqueiro seguen a ser personaxes relativamente incómodos, moito máis en certa medida o primero ca o segundo. Para ben e para mal, Cunqueiro ten admitido o culturalismo para interpretacións simplificadas do seu compromiso e complexidade. A (súa) canonización cultural como refuxio para reconstruir a súa personalidade. Paz-Andrade, avogado, economista, empresario, representante dunha alta burguesía de vencello económico, galeguista republicano, segue a ser unha figura inqueda de valorar e analizar para moitos sectores. Tal vez porque obriga a revisar sen cortapisas unha tradición galeguista ampla en ideas e proxectos que quedou arrasada, paradoxalmente, cando o país comezaba a recuperarse de seu no marco autonómico.