Plan de axudas de mellora de camiños rurais
Os concellos da comunidade teñen de prazo ata o 3 de abril para presentar as correspondentes solicitudes ao abeiro deste Plan.
Terán lugar outras dúas xuntanzas telemáticas para dar conta destas achegas enmarcadas no Plan estratéxico da Política Agraria Común (PAC) 2023-2027, que están cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e cuxo prazo de solicitude rematará o 3 de abril.
O Plan de mellora de camiños rurais persegue a mellora de infraestruturas co gallo de xerar cohesión social e territorial, mellorando as condicións de vida e de traballo no medio rural. Así, os camiños rurais facilitan a accesibilidade e vertebración do territorio, reforzan o tecido social e contribúen a mellorar a capacidade organizativa das áreas rurais, dinamizan o tecido produtivo e fixan poboación.
Estas axudas financiarán nun 100 % os gastos subvencionables. Deste xeito, son subvencionables as actuacións de ampliación, mellora ou mantemento, dos camiños que formen parte da rede viaria de acceso a unha ou varias entidades de poboación.
Considéranse obras de ampliación aquelas que supoñan un incremento da largura que incidan na mellora da seguranza viaria, permitan o cruce de vehículos ou sobrelargos necesarios en zonas de curvas, de baixa visibilidade ou entroncamentos. Por outra banda, son actuacións de mellora aquelas que supoñan un reforzo do firme existente coa incorporación de novas capas máis axeitadas ás características do tráfico rodado que soportan.
Neste senso, cada concello poderá presentar unha única solicitude de axuda con ata un máximo de tres proxectos e cada un destes proxectos poderá comprender un máximo de tres actuacións. Neste sentido, enténdese por actuacións a intervención sobre un mesmo camiño, ou ben sobre varios, sempre e cando, neste último caso, as obras proxectadas teñan unha continuidade física.
Requisitos para os proxectos
Todos os proxectos que se presenten deberán cumprir unha serie de requisitos. En primeiro lugar, non deben estar iniciados antes da data de presentación da solicitude -aínda que si que poden comezar a executarse antes da resolución das axudas-. Neste senso, os proxectos deben desenvolverse no territorio galego, exceptuando as parroquias clasificadas como zonas densamente poboadas.
Para a distribución dos fondos desta iniciativa, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural acordou coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) os criterios de repartición. Deste xeito, a partida dispoñible repártese en cada convocatoria entre os 313 concellos da comunidade, partindo dunha asignación fixa por concello, que se incrementa en función do número de entidades de poboación e do número de habitantes do municipio.
Ademais de ter en conta outros requisitos, na distribución dos fondos prímanse -por exemplo- aqueles concellos que foron obxecto dun proceso de fusión municipal.
Cómpre engadir que entre 2016 e 2022, a Xunta destinou máis de 104 millóns de euros para a mellora de 4.830 camiños, o que supón a intervención nun total de 3.800 quilómetros de vías rurais. Así, a media resultante é de 0,8 km/actuación.
Ligazón á resolución no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230303/AnuncioO90-240223-0001_gl.html