O Psoe local insiste en reparar a estrada de subida a Santa Leocadia
Os socialistas levan novamente a pleno o deterioro do acceso a Santa Leocadia, na parroquia de Loureda
"O deterioro da estrada de subida a Santa Leocadia é evidente. A propia enxeñeira municipal advertiu, en maio de 2021, sobre a necesidade de actuar nela para
garantir a seguridade viaria”, asegura o voceiro socialista Simón López.
Por iso, denuncia que “as fochancas e as deformidades no firme foron a peor nos últimos meses”. No pleno de febreiro de 2021, o grupo municipal socialista advertiu non só o mal estado do firme, senón tamén o pésimo estado de conservación da pintura. Tamén, a presenza de obstáculos na gabia para o paso da auga. A raíz daquela pregunta, o goberno suplementou unha partida orzamentaria para realizar as melloras necesarias. "Pero ata o momento as máquinas non fixeron acto de presenza na subida a Santa Leocadia", afirma López. Engade que no pleno de mañá preguntará "os motivos do retraso na licitación e execución desta obra porque non podemos estar agardando a que ocorra un accidente”.
Obras complementarias
Xunto á reposición integral do firme, o Psoe local reclama a mellora das proteccións existentes ou a instalación de reflectores de pintura para a néboa. Solicitarase, ademais, que se aproveiten as obras para proceder á instalación de servizos básicos como o saneamento, a auga ou as telecomunicacións nalgunhas zonas que agora carecen dos mesmos.