Rutas para vivir O Camiño desde as rías
A Xunta impulsa rutas para vivir o camiño a través do programa O teu Xacobeo. Este verán ofrece travesías náuticas xacobeas para completar desde as rías as etapas terrestres do Camiño de Santiago.
Tamén para dar a coñecer o traxecto da entrada da barca de pedra do Apóstolo desde a bocana da ría de Arousa.
As saídas en veleiros poden realizarse desde Vigo, Portonovo, Baiona, Ribeira e a Pobra do Caramiñal, portos que forman parte da chamada Travesía Náutica Xacobea Sur.
Os percorridos que saen desde os portos das rías de Vigo e Pontevedra pretenden complementar as etapas a pé do Camiño de Santiago e están concibidas, ademais, co obxectivo de difundir a cultura galega, a gastronomía e a historia de Galicia a través da Ruta Xacobea.
Estas rutas están activas ao longo dos meses de agosto e setembro e están coordinadas pola empresa Chárter Galicia.
As rutas programadas desde Ribeira funcionan con varios horarios de mañá e tarde os martes e venres do mes de agosto.
O obxectivo principal é facer o mesmo percorrido que fixo o corpo do Apóstolo, desde o Océano Atlántico ata o cruceiro do parque de Pedra Pateira, en Santa Uxía, considerado a porta de entrada na Ruta Xacobea do mar de Arousa e Ulla. Estas rutas están coordinadas polo Concello de Ribeira.
No mes de setembro e outubro, tamén dentro da programación de O teu Xacobeo, o Concello da Pobra do Caramiñal coordinará unha traslatio cunha ruta en veleiro similar á ofrecida estes días en Ribeira. E tamén desde o 24 de agosto poranse en marcha rutas xacobeas do mar de Arousa a pé que conectarán a Illa de Cortegada co Camiño de Santiago.