O Bng critica novas obras en Santaia
Os nacionalistas piden unha actuación de posta en valor no núcleo de Santaia que respecte os caudais de auga da zona
Hai uns días comezaron as obras do muro de contención en Santaia "unha obra que o Concello ten que volver a facer e volver a gastar máis de 100.000 euros debido a unha pésima execución que fixo en 2014", expresa un comunicado. “Nunha visita que fixemos en 2016 a veciñanza xa falara de que se cambiaran os cursos de auga e que iso provocaba asolagamentos e problemas en vivendas e fincas”, indica Xurxo Couto, portavoz do Bng en Arteixo.
O Bng engade que hai meses se puxeron denuncias por vertidos constantes na zona. Os feitos foron postos en coñecemento de Seprona, Augas de Galicia e Concello de Arteixo. "Agora hai que volver investir miles de euros para apuntalar o muro de contención que está en perigo de derrubamento", explica Couto. Ante a situación, os nacionalistas piden que se fagan proxectos adaptados á realidade da zona de Santaia. Tamén que se teñan en conta os leitos de auga e que se actúe nunha correcta separación das augas pluviais e do saneamento.