A sororidade é a grande protagonista de “Entre Mulleres”
En moitas comunidades rurais, as mulleres transitan longos camiños para ir buscar ese elemento tan escaso e imprescindible. Un grande esforzo que moitas sobrelevan pensando a recompensa que teñen ao final: un momento de charla e confesión co resto das mulleres do poboado para falar de temas que en moitas ocasións son aínda tabúes.
Nembargantes, non precisamos viaxar nin no tempo nin no espazo para atopar un exemplo deses encontros de reflexión e debate entre mulleres. No centro A Baiuca, cada mes, reúnense case unha treintena de mulleres para compartir experiencias, informarse, coidarse, e divertirse. Un espazo de sororidade, de unión entre mulleres para comprender mellor o mundo que nos rodea e tamén para reivindicarse nunha sociedade na que aínda queda moito por mudar.
O grupo de crecemento “Entre Mulleres”, naceu hai xa uns anos como “un lugar onde coñecer xente e falar de diversos temas”. Neste ano, haixa mulleres veteranas e unha nova remesa de mulleres dispostas a ensinar e aprender coas súas experiencias. Sandra Barneda, psicóloga do CIM, é unha máisdeste grupo e a encargada de poñer sobre a mesa os temas a tratar. “No grupo falamos de autoestima, relacións familiares, saúde, sexualidade…” Temas que poden parecer moi habituais pero sobre os que normalmente non afondamos e sobre os que moitas veces existen aínda tabúes difíciles de eliminar como a sexualidade e a anatomía feminina.
Sobre estes temas, apunta Sandra, as mulleres interésanse bastante. “Falamos abertamente do que é o clítoris e para que serve. Tratamos este tema coa visualización dun manual sobre anatomía feminina e tamén a través de artigos”. A saúde sexual feminina é algo raramente tratado, por tabú, descoñecemento e as veces mesmo por vergoña. Mais como di Sandra, “no grupo créase moita confianza, é un grupo moi heteróxeneo e unhas tiran das outras”.
As nosas relacións, o noso contexto social e familiar determina en moitas ocasións o nosos crecemento persoal. Por iso, no grupo trátanse tamén “as relacións de parella, conflitos familiares ou mesmo a relación coa nosa propia nai”.
Abórdanse ademáis temáticas de actualidade, publicidade sexista, mulleres relevantes na historia,… Todas elas cun punto en común: o feminismo e a perspectiva de xénero. “A elección de temas non é algo azaroso, o fío condutor é a prespectiva feminista e de xénero”. Cuestións que están presentes na nosa vida cotiá pero sobre as que moitas e moitos aínda descoñecen o seu significado polo que é preciso facer esa pequena labor educativa na sociedade. Como explica Sandra, no grupo “algunhas mulleres non tiñan esa perspectiva pero a medida que comparten experiencias, ves como fan ese clic e danse conta”.
O obxectivo do grupo, ademáis de conseguir que as mulleres creen redes de apoio e de ocio, é favorecer o crecemento persoal. A través do debate, do coñecemento e da risa, xerar un pensamento máis libre e autónomo e potenciar a saúde ou a autoestima. Sempre nun espazo aberto e compartido entre mulleres.