TDAH Salnés recoñece a labor da consellería de Política Social
O Goberno galego puxo en marcha 37 unidades de atención temperá desde o ano 2009 para ofrecer ás familias centros de prevención e coidado do TDAH.
O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, recolleu o recoñecemento de ‘Socia de Honra’ entregado pola Asociación TDAH Salnés á Consellería de Política Social. Durante o encontro, realizouse unha mesa redonda e un coloquio no que se abordaron os retos das persoas con TDAH durante as etapas educativas da ESO, Bacharelato e a Universidade, así como a súa incorporación ao ámbito laboral.
O director xeral sinalou que o Goberno galego está ao carón das familias e as persoas con TDAH para ofrecerlles un sistema educativo adaptado ás súas necesidades e servicios de atención temperá que axuden á súa prevención e tratamento especializado. Neste sentido, lembrou que actualmente existen 39 unidades de atención en funcionamento distribuídas por toda a comunidade, 37 máis que no ano 2009.
Fernando González asistiu previamente á VIII Carreira de obstáculos organizada pola entidade Enki, onde loou o labor desta organización para dar visibilidade e impulsar o deporte entre as persoas con discapacidade. O evento tivo lugar na cidade da Coruña e contou coas modalidades presencial e virtual.