Terceira edición do "Eu son Inspect@r Urbanístic@"
O obxectivo principal desta edición da iniciativa, que se enmarca no ‘Proxecto Terra’ impulsado hai máis de 20 anos pola Xunta e o COAG, é sensibilizar, concienciar, divulgar e formar a nenos e adolescentes sobre o medio e a intervención e ordenación do territorio
A actividade de carácter divulgativo "Eu son inspector@ urbanístic@. Coida do territorio, coida do teu" comezou oficialmente coa celebración no IES de Ponte Caldelas da primeira sesión impartida por persoal técnico e xurídico da Xunta co fin de introducir ás novas xeracións no coñecemento da paisaxe e do territorio, inculcando nelas a importancia do seu coidado.
Arranca así a terceira edición desta iniciativa lúdico-educativa dirixida a centros de educación infantil, primaria e secundaria de toda Galicia e que se enmarca no chamado Proxecto Terra, impulsado hai xa máis de 20 anos pola Xunta e o Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) para dar a coñecer aspectos relacionados co mundo da arquitectura e do territorio desde unha perspectiva pedagóxica.
Un total de 80 alumnos de 1º da ESO do IES de Ponte Caldelas foron os primeiros en participar este curso na actividade, coa que inspectores e subinspectores adscritos á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) percorrerán centros de toda Galicia de aquí a finais do mes de xuño.
Polo momento xa están confirmadas outras 19 sesións aínda que á vista do interese espertado pola actividade, a APLU estudará a posibilidade de organizar algunha máis para levar "Eu son inspector@ urbanístic@. Coida do territorio, coida do teu" ao maior número de colexios e institutos posible antes de que remate o actual curso escolar.
Centros participantes nesta edición
Os próximos centros que acollerán a actividade son: IES Pintor Colmeiro (Silleda), CEIP Otero Pedrayo (Rábade), CEIP Terra Chá (Vilalba), IES Pinguela (Monforte), IES Camilo José Cela (Padrón), CEIP Plurilingüe Pedro Caselles Roldán (Xove), IES Castelao (Vigo), CEIP Infante Felipe de Borbón (Salvaterra de Miño), CEIP Milladoiro (Malpica de Bergantiños), Colexio Jorge Juan (Narón), IES Plurilingüe de Ames (Ames), CEIP Santo André de Xeve (Pontevedra), IES Arcebispo Xelmírez I (Santiago de Compostela), CEIP de Arzúa (Arzúa), IES Félix Muriel (Rianxo), EEI San Roque (Viveiro), CEIP Plurilingüe San Clemente César (Caldas de Reis), IES Auga da Laxe (Gondomar) e IES A Xunqueira II (Pontevedra).
A través de material didáctico específico, o alumnado participante traballará de forma creativa e divertida dentro da aula a complexidade do territorio e da contorna paisaxística, os elementos que os compoñan, afondando en conceptos como o patrimonio natural e construído, as infraestruturas, o medio ambiente, o cambio climático, a pegada ecolóxica ou as actividades e construcións no territorio, unha aprendizaxe que constitúe un eslavón fundamental para que as sociedades do presente e do futuro realicen un uso sustentable e responsable do territorio.
As actividades propostas están dirixidas por inspectores e subinspectores urbanísticos da APLU, que desenvolven de forma presencial nos centros participantes sesións adaptadas aos niveis e idades do alumnado de infantil, primaria e secundaria a través de obradoiros teatrais e sesións de carácter teórico-práctico.
Deste xeito, dáselle continuidade ás diferentes accións desenvolvidas no eido escolar no marco do Proxecto Terra, unha iniciativa que precisamente a semana pasada Xunta e COAG acordaron reforzar, mediante a sinatura dun convenio, no 100% dos centros de ensino de toda Galicia co obxectivo de ampliar a cultura da arquitectura e o urbanismo responsable entre as novas xeracións.