Venres de teatro afeccionado para todos os públicos
O grupo xuvenil ES3HA2 do colectivo teatral Melandrainas e o alumnado da Aula Municipal de Teatro de Meicende protagonizan o inicio da fin de semana con dúas representacións.
Mañá, venres 19 as 20:30 horas, o grupo xuvenil ES3HA2 será o encargado de representar a obra "O soño dunha xoaniña" no Auditorio do Centro Cívico Cultural de Arteixo.
O grupo de teatro xuvenil ES3HA2 nace no ano 2010 vinculado ao colectivo de teatro Melandrainas. Dende entón, ven de conquerir numerosos recoñecementos e premios (mellor actor no ano 2014, ou mellor actriz no ano 2015) así como diferentes premios na súa categoría, nominacións e mencións especiais ao traballo corporal, vestiario e escenografia, entre outros, dentro dos premios "Buero" da Fundación Cocacola e no "Certamen de Teatro Candilejas Don Bosco" do Centro Calvo Sotelo, eventos aos que se presenta o grupo dende a súa creación.
Tamén o venres, as 20 horas, no Centro Sociocultural de Meicende, haberá unha cita teatral baixo o título "Celebrando o Teatro!". A cita terá dous protagonistas: o alumnado da Aula Municipal de Teatro de Meicende e a monologuista Erica González.
Os nenos e nenas do Obradoiro Cultural de teatro infantil de Meicende queren celebrar o teatro coa peza teatral "Érase unha vez...", que fala das emocións e dos contos.
A monologuista Erica González será a encargada de pechar a celebración coa actuación "A sala do Catapumchimpum", pertencente o Festival de Narración Oral "Falando a Boca Chea".
Ambas citas teatrais están dirixidas a todos os públicos e as invitacións, gratuitas, poderán recollerse unha hora antes na conserxería de cada centro até completar aforo.