Xunta e Galaxia editan "O Cabaliño de Buxo" de Neira Vilas
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou a mediados do mes de outubro a obra infantil "O cabaliño de buxo". Esta obra é un clásico de Xosé Neira Vilas editada pola Editorial Galaxia co apoio da Xunta. A obra pasa a formar parte da colección infantil e xuvenil Árbore da editorial galega.
Tamén o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades destacou a importancia deste libro que transmite “valores fundamentais da sociedade galega máis tradicional que aínda teñen vixencia nos nosos días e que Neira Vilas soubo plasmar dunha forma maxistral na súa intención de fundar a literatura infantil en lingua galega”.
Ademais "O Cabaliño de Buxo" está enfocado á cativada a partir dos oito anos. E está ambientado no mundo de aldea que impregna a obra de Xosé Neira Vilas.
O máis importante é que Ruliño, o protagonista, olla o mundo coa curiosidade dos nenos, tratando de comprender o porqué das cousas. Este libro, dedicado a Anisia, que ten os ollos de rapaza galega, reflicte a grandeza do pequeno, poñendo en valor a cultura propia.
Agora, Xunto a O cabaliño de buxo, Xosé Neira Vilas foi autor de obras como Xente no rodicio (1965), Camiño bretemoso (1967), A muller de ferro (1969), Cartas a Lelo (1971), Aqueles anos do Moncho (1977), De cando o Suso foi carteiro (1988) ou Memorias dun neno labrego (1961), un dos libros máis famosos das letras galegas.