Comunicado da Xunta directiva de Manaia
Co gallo das novas sobre a proposta do Partido Popular que vincula emigración e adopción dende MANAIA queremos manifestar que:
- A adopción é unha medida de protección á infancia e nunca pode entenderse nin artellarse de ningún outro xeito, nin vincularse a ningunha outra medida social.
- As políticas sociais que atinxen ás medidas de protección de nenas e nenos deben ter como prioridade o seu mantemento dentro da súa familia de orixe, entendendo a adopción como a última medida en aplicarse despois de esgotar tódalas anteriores.
- A adopción non pode contemplarse coma medida de aumento da natalidade xa que só pode aplicarse a nenas e nenos xa nados.
- As familias adoptivas ou en proceso de selo non queremos ser nais e pais a calquera prezo, ofrecémonos como familias para nenas e nenos declarados adoptables polas súas circunstancias vitais.
E, por último, manifestamos a nosa MÁXIMA REPULSA á utilización da infancia coma ferramenta electoralista.
A Xunta Directiva de MANAIA