Educo denuncia lagunas na figura do Coordinador de Benestar e Protección
En Galicia esta figura chega un ano mais tarde que no resto de territorios.
A ONG Educo lanza, con motivo do Día internacional contra a violencia e o acoso na escola, o informe A figura do Coordinador/a de Benestar e Protección. Xerando contornas protectoras e de bo trato nos centros educativos.
Así, este Informe analiza e repasa este posto nado coa Lei Integral de Protección á Infancia e a Adolescencia fronte a Violencia (LOPIVI) e instaurado nos centros educativos con desiguais características.
Violencia contra á Infancia
Neste sentido, a violencia contra á infancia é unha das principais problemáticas actuais e os datos mostran incrementos alarmantes.
“Hai un incremento de case o 40% de notificacións de violencia, os abusos sexuais contra a infancia e adolescencia aumentaron un 300% e as cifras de suicidios de nenos entre os dez e os catorce anos nunca foron tan altas”, apuntan desde Educo.
Así, a ONG lamenta que esta figura destinada á promoción do bo trato e da creación de contornas seguras non sexa aínda unha realidade efectiva. "É inadmisible que non se adiquen todos os esforzos en intentar resolver unha problemática tan presente e que esta figura que nace con vocación de protección, non sexa ben regulada e resulte case un mero trámite nos distintos territorios”.
Esta é a principal conclusión que se destila deste informe: "un mero encargo repleto de lagunas e inconsistencias segundo en que territorio. A figura non cumpre as funcións para as que foi creada e non o fai porque falla na teoría e na práctica".
Caso de Galicia
No caso de Galicia, esta figura chega un curso mais tarde do que o marco legal obrigaba. Segundo a ONG, a Orde relativa a este rol foi publicada no pasado mes de agosto e nesta quedan cuestións aínda non moi claras. Un exemplo é a cuestión do perfil que sinala que esta persoa debe ter unha formación específica na materia pero queda sen concretar os contidos que debera dominar. Tamén se sinala que esta figura debe contar con dispoñibilidade horaria e indica que se lle poderá asignar ata dúas sesións das complementarias fixas.
Valorase positivamente esta contemplación de liberación horaria, sen embargo, esta proposta resulta insuficiente. Entendendo que non tódolos centros educativos teñen as mesmas casuísticas nin o mesmo número de alumnado, sería conveniente ampliar esta liberación e contemplas distintos tramos segundo o tamaño e características dos centros educativos.
É destacable a nula referencia ao orzamento no texto, limitando así a actuación dos centros enormemente que, terán que, coa mesma dispoñibilidade económica facer fronte a unha extensa relación de funcións adicionais.
No resto de comunidades autónomas, a situación é similar. O informe de Educo pon enriba da mesa que o desenvolvemento normativo é insuficiente e diferente segundo o territorio. “Ao non existir un decreto estatal que exixa un perfil concreto, que sinale unha liberación horaria concreta para desenvolver as funcións ou que sinale unha formación eficaz e previa ao desenvolvemento do posto, a figura está a fallar".
“Cada comunidade desenvolveu unha norma sen estes acordos mínimos dende o nivel estatal o que da como resultado unha preocupante falta de armonización que xera moitas diferencias neste recurso e como tal na efectiva protección da infancia e adolescencia segundo o territorio. Urxe un decreto estatal que clarifique e unifique” explica Paula San Pedro, coordinadora de Incidencia de Educo e coautora do informe.
Á desigual regulación únese que ningunha comunidade autónoma ten orzamentado o novo posto. “O orzamento é unha peza chave para que se poidan desenvolver as funcións de maneira efectiva. Os centros educativos non poden asumir estes gastos sen un orzamento adicional”
Dentro do orzamento deberá estar contemplada á remuneración para lexitimar e poñer en valor a figura como se fixo, por exemplo, con coordinador ou coordinadora Covid-19.
Ao fallo na normativa séguelle o fallo na práctica. Para empezar, di Educo, observouse que hai un gran descoñecemento sobre as funcións que debe realizar esta figura de nova creación. De feito, no desenvolvemento normativo de oito CCAA (Andalucía, Asturias, Cantabria, Cataluña, Comunidad de Madrid, Navarra, Murcia e A Rioxa) non se inclúe unha mínima definición das características do posto.
“Falamos con numerosas persoas que exercen o rol e o sentimento é común: atópanse perdidas e sen apoio dos distintos niveis da administración”, explica Paula San Pedro.
Ademais, a figura non está profesionalizada e só dúas CCAA (Estremadura e Galicia) establecen a necesidade de formación inicial. Na práctica obsérvase que moitos docentes non saben ben que formación necesitan e descoñecen conceptos.
“É complicado que estas persoas poidan ofrecer capacitacións a outros profesionais do centro ou a pais e nais, tal e como establece a LOPIVI”, comenta a portavoz. “O éxito desta figura dependerá en gran medida da súa formación. Non pode ser que nós recibamos unha capacitación de 30 horas mentres que a dos monitores de tempo libre sexa de 270 horas. É unha vergoña.”, quéixase un coordinador de Benestar e Protección dun colexio de Madrid consultado para o informe.
Ao non estar profesionalizada, moitas veces cúbrese o posto con calquera docente, sen atender sequera á súa traxectoria. “Atopamos que moito profesorado interino, que apenas coñece o colexio e está de paso, ten que asumir o cargo”, Paula San Pedro.
É común tamén observar a falta de horas liberadas para a realización desta función. Normalmente contan con entre unha e tres horas semanais, sen importar se existen protocolos abertos ou o número de alumnado do centro. En catro CCAA a normativa nin sequera establece a liberación de horario (Cantabria, Navarra, Murcia e País Vasco). Isto contrasta significativamente coas dificultades burocráticas, algo que Educo tamén recalca, avogando por facilitar e simplificar os procedementos en caso de abrir un protocolo.
Para outorgar a esta figura o peso e a importancia que require, Educo avoga por un decreto estatal, pero lembra que este só funcionará se as administracións asumen o liderado que lles corresponde. O éxito deste profesional dependerá principalmente dos compromisos que estean dispostos a asumir o brazo executivo e lexislativo estatal, autonómico e local.
Coñecedores da importancia de asegurar a protección e o benestar da infancia nos centros educativos, a ONG Educo ofrece apoio e formación para integrar os estándares internacionais de protección infantil organizacional a través da metodoloxía Protexemos. “A nosa longa experiencia neste ámbito (400 centros formados) permítenos asegurar a vital importancia do coordinador ou coordinadora de Benestar e Protección, recoñecendo as características e recursos adecuados”, di Orenes.