Galicia-Fulbright, unha bolsa para estudos artísticos
O prazo de presentación da solicitude para as bolsas Galicia-Fulbright está aberto ata o 12 de xaneiro.
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e o director executivo de Fulbright
España, Alberto López, presentaron as bolsas Galicia-Fulbright para estudos artísticos.
Neste sentido, Galicia é pioneira nesta liña de axudas que a Xunta convoca cada ano. Ademais conta coa colaboración da Comisión de Intercambio Cultural, Educativo e Científico entre España e os Estados Unidos de América (Comisión Fulbright).
Tamén o Conselleiro anima á mocidade a participar neste programa, que ten como obxectivo que cinco mozos que teñan conexión con Galicia por nacemento, residencia, formación en estudos superiores ou artísticos e traxectoria profesional poidan completar a súa formación nos Estados Unidos.
Aclarar que os interesados en participar neste programa de mobilidade poden solicitalo ata o 12 de xaneiro de 2023 no web da Comisión.
A duración da bolsa é de entre 6 e 12 meses continuados, que se desfrutarán entre agosto de 2023 e decembro de 2024. A Xunta de Galicia achega 140.000 euros, o que supón case o 75% do total. Estas cantidades están destinadas a gastos de viaxe, manutención do bolseiro, gastos de proxecto, de matrícula e taxas obrigatorias que poidan existir, así como gastos de xestión.
Pola súa banda, a Comisión Fulbright colabora con 50.010 euros para os gastos de cobertura médica e de accidentes dos bolseiros durante a súa estancia no estranxeiro, entre outros. Así mesmo, é Fulbright a encargada de preparar e xestionar a convocatoria e o proceso de selección dos bolseiros. Deste xeito, faise cargo da xestión de visados, de ofrecer sesións de orientación en España e unha rede de apoio nos Estados Unidos.