Hai que inculcar aos máis novos unha cultura de seguridade viaria
A Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, participou o 6 de agosto (2019) en Ponteceso nas actividades sobre educación viaria organizadas pola Fundación Eduardo Pondal, na súa Escola de Verán, onde salientou a importancia de inculcar nos máis novos a cultura da seguridade viaria para que a aprendizaxe de hoxe lles sirva e a apliquen no mañá, cando se convertan, ademais de peóns, tamén en condutores, e transiten polas estradas.
Vázquez Mourelle explicou que as actividades sobre educación viaria nesta escola de verán responden á necesidade de fomentar entre os máis novos hábitos e condutas seguras e responsables cando se moven pola estrada.
Nas actividades participan 100 rapaces de 3 a 16 anos de Laxe, Malpica, Cabana e Ponteceso.
A Conselleira sinalou que a Xunta e a Fundación Eduardo Pondal están a colaborar neste proxecto conscientes de que o que se aprende de pequenos permanece na memoria ao longo de toda a vida, non se esquece nunca. Engadiu, que estas condutas responsables se agarda que as leven, tamén, ao ámbito familiar, sendo exemplo para país e avós, e mesmo actuando como “correctores” cando estes fagan algo inadecuado na estrada.
Indicou que nestas actividades os máis novos están descubrir a importancia de coñecer e respectar as normas de circulación, as consecuencias que pode ter non facer caso dos sinais e das normas de tráfico, e aprenden medidas de primeiros auxilios ante situacións de emerxencia. E, ante todo, abundou, búscase inculcar neles o sentido da responsabilidade, tanto agora como peóns ou usuarios da bici, como cando sexan maiores e estean ao mando dun vehículo.
A Conselleira remarcou así como este tipo de iniciativas trata de facerlles comprender, desde pequenos, o importante que é que extremen as precaucións e adquiran hábitos e condutas seguras cando transiten pola estrada. Medidas que se enmarcan no Plan de Seguridade Viaria 2016-2020 e do que tamén forma parte, por exemplo, a campaña O Corazón está do teu lado, que o departamento que dirixe está a desenvolver en centros educativos do rural galego para ensinarlles aos máis cativos a ir pola estrada con seguridade.