I Torneo Internacional de Debate BP Compostela
A Xunta aproveita este encontro da oratoria universitaria para dar a coñecer a mulleres referentes galegas e ofertar dinámicas en prol da igualdade.
A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, inaugurou por vídeo o I Torneo Internacional de Debate BP Compostela no que participan ata o domingo 13 de Marzo case 200 rapazas e rapaces de diferentes universidades de España, México, Perú, Ecuador e Chile, ás que animou a “loitar pola igualdade entre mulleres e homes os 365 días do ano”.
“Anímovos a tomar partido e combater aquelas cousas que consideramos inxustas”, manifestou Lorenzana, para quen a mocidade ten, segundo dixo, un papel relevante para “seguir desmontando as falacias que non defenden realmente o feminismo e a igualdade” e “a construír un novo relato máis fiel e veraz no que todas e todos teñamos cabida”.
O debate celébrase ata o próximo domingo 13 de Marzo no Pazo de Quián no Concello de Boqueixón, considerado o “espello do rural” de Galicia, un lugar “emblemático”, relatou a conselleira, que serve como punto de encontro, estes días, para o mundo da oratoria universitaria “do máis alto nivel”.
Estamos ante “unha aposta diverxente, vangardista, que intenta situar ao noso rural como referente en innovación, mostrando posibilidades aínda non exploradas, e servindo como canle de conexión coas novas xeracións que lle ofrecerán un futuro”, indicou Lorenzana.
A conselleira animou a “reflexionar sobre as tarefas pendentes en materia de igualdade” no marco do debate por catro motivos, dixo: por se tratar dun dereito; porque as estatísticas inda falan de desigualdade; porque hai que acabar cos estereotipos de xénero e derrubar barreiras que discriminan á muller; e porque a igualdade é eficiencia, reduce a pobreza e fai prosperar a economía.
“Galicia loita pola igualdade entre mulleres e homes os 365 días do ano, defendendo un presente e un futuro xusto, defendendo a igualdade de oportunidades como un dos seus piares irrenunciables e mediante políticas transversais”, especificou a representante da Xunta. Nesta liña, especificou que o Goberno galego está a tramitar unha nova lei de igualdade que situará a esta comunidade á vangarda e suporá a ampliación da protección ás mulleres de ataques sexistas por medios dixitais; creará espazos urbanos libres de violencia sexual; recoñecerá a discriminación múltiple e a idea de benestar laboral; e incorporará un Estatuto das mulleres rurais e do mar que atenda ás súas especificidades.
Lorenzana emprazou ao estudantado participante no torneo a mergullar nas vidas das mulleres que dan nome a cada unha das salas de debate, todas eles referentes galegas ás que se rende homenaxe. Tamén invitounos a participar nas actividades e dinámicas deseñadas no punto de información sobre igualdade desprazado ao recinto.
Este I Torneo Internacional de Debate BP Compostela, que acolle o Pazo de Quián, será clausurado o vindeiro domingo, día 13, pola directora xeral de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, quen animará os mozos participantes neste evento a aproveitar as oportunidades que ofrece o agro para vivir e traballar, poñendo en valor, entre outras achegas, o papel das administracións públicas a prol da dinamización do rural.