Máis radio na biblio
Educación incorpora 30 centros público ao programa Radio na Biblio. A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional acaba de abrir a convocatoria para que un total de 30 centros públicos se incorporen no curso 2019/20 ao programa Radio na Biblio.
O obxectivo é impulsar a creación de emisoras ou laboratorios radiofónicos no contexto da biblioteca escolar.
Esta iniciativa enmárcase no Plan LÍA 2016/2020 de Bibliotecas Escolares, que conta entre os seus desafíos o de favorecer a alfabetización múltiple do alumnado a través da creación nas bibliotecas de espazos que funcionen como centros creativos de aprendizaxe.
Neles debe traballarse con diferentes recursos e materiais que permitan traballar a expresión escrita e oral ou linguaxes como a radiofónica. Desde eles poderán desenvolverse proxectos colaborativos conectados con diferentes áreas do currículo escolar, vinculados á educación para as competencias en información e medios.
Neste sentido a posta en marcha dunha emisora de radio nun centro educativo proporciona múltiples oportunidades para o desenvolvemento das competencias clave a través de metodoloxías activas, así como para a alfabetización informacional.
De feito, a experiencia dos 50 centros que xa participan en Radio na Biblio demostrou que a radio constitúe unha ferramenta pedagóxica de grande alcance que permite, ademais, darlle a coñecer ao resto da comunidade educativa os proxectos e traballos que se realizan no centro.
Poderán participar na convocatoria os centros públicos de infantil, primaria, ESO, bacharelato ou FP integrados no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE). A persoa responsable da biblioteca deberá coordinar e garantir a integración da iniciativa no centro.
Os seleccionados recibirán fondos para a posta en marcha dun laboratorio de radio. Para iso contarán co apoio da Asesoría de Bibliotecas Escolares da Consellería, que orientará o seu desenvolvemento e porá á súa disposición recursos e propostas.
Así mesmo, os 50 centros que xa participan en Radio na Biblio deberán solicitar, se así o desexan, a súa continuidade no programa. Neste caso, recibirán unha asignación de 500 euros por centro para a realización de obradoiros de formación específica para o funcionamento da emisora ou ben de lectura expresiva ou de mellora da expresión oral.
O prazo para a presentación de solicitudes está aberto ata o 30 de setembro e estas deberán remitirse mediante o formulario correspondente aloxado na páxina de Biblioteca Escolares de Galicia