Premios a sensibilidade dos máis novos a prol do xesto solidario da doazón
A Casa do Home da Coruña acolleu, o martes 11 de xuño 2019 pola tarde, o
acto de entrega de premios aos gañadores do concurso de debuxo sobre a doazón de sangue que tivo lugar o 4 de maio no Parque de Santa Margarita na Coruña, dentro das actividades que se desenvolveron con motivo do “XXIV Día da Ciencia na Rúa”.
Os gañadores das dúas categorías (7 a 9 anos e 10 a 12 anos) do concurso de debuxo foron: Julia Rodríguez Castro e Sara García Dapena.
Os nenos Gonzalo Diéguez Vilela e Martín Vecino Montoya, resultaron finalistas na categoría de 7 a 9 anos, mentres que na categoría de 10 a 12 anos quedaron coma finalistas Nora Couto Rodríguez e Lucía Varela Janeiro.
Todos eles recibiron os agasallos correspondente a súa categoría e
diplomas acreditativos.
Campaña de sensibilización
O acto contou coa presenza de responsables da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), da Asociación de Amigos da Casa das Ciencias e da Irmandade de Doadores de Sangue de A Coruña.
Durante a xornada salientouse a calidade dos traballos presentados, que evidenciaron a sensibilidade dos máis novos a prol do solidario xesto da doazón. Tamén salientouse a elevada participación desta edición que duplicou o número de debuxos con respecto ao ano anterior, acadando unha cifra de ao redor de 700 traballos presentados.
A directora de ADOS, Marisa López García, subliñou a importancia de incentivar o desenvolvemento de actividades destinadas a promover unha conciencia solidaria proclive á doazón de sangue entre os galegos e galegas máis novos e que se converterán nos doadores do futuro. Neste senso, estase a traballar con centros educativos de ensino infantil e primaria de toda Galicia dentro da campaña “Mensaxeiros Solidarios” que está a potenciar o coñecemento do solidario xesto da doazón no eido educativo.