Un Entroido bravo para os nenos e nenas de Carballo
Chega a Carballo o Entroido máis bravo!
Prepárate para un Entroido salvaxe! Carballo métese de cheo nas celebracións máis divertidas e satíricas para sacarlles punta a algúns dos acontecementos que levamos vividos nos últimos meses, dende a polémica tala dun chorón no adro da capela da Milagrosa ata o paseo viral dun xabaril pola céntrica Praza de Galicia hai menos dun mes. Foi tanta a súa repercusión que, grazas á creatividade de Gende Estudio, o porco bravo convértese no protagonista do cartel.
A presentación do cartel coincidiu coa apertura do prazo de inscrición para participar no Desfile e concurso de disfraces, comparsas e carrozas, que volverá o domingo 19, despois de dous anos de ausencia, con máis ganas e máis premios: 8.000 euros.
Como é habitual, o programa de Entroido inclúe non só as propostas da área de Cultura senón tamén as que levará a cabo o movemento asociativo en distintos puntos do concello, como é o caso da Festa re-nacemento do chorón no barrio da Milagrosa, a Festa de Entroido co dúo Élite en Sísamo, o Percorrido e Foliada de Entroido en Oza, o Baile de disfraces co trío Jaque e concurso de doces en Verdillo, ou o Festival musical Anos Oitenta co dúo Mar de Caión en Cances.
Do 17 ao 25 de febreiro levaremos a cabo diversas actividades especialmente pensadas para os máis pequenos, como os obradoiros de maquillaxe e tocados de Entroido que se celebrarán na Biblioteca Rego da Balsa, ou a Festa infantil con picadiscos, xogos e animación que celebraremos o luns 20 na Praza do Concello. E ademais teremos animación coas mellores charangas, Enterro da sardiña dinamizado por Teatro Vagalume e a verbena do domingo de Entroido na Praza do Concello amenizado pola orquestra Trébol.