Un selo de vida saudable para sete centros educativos

Selo vida saudable

Este mes de agosto (2019), un total de sete centros educativos galegos veñen de ser recoñecidos polo Ministerio de Educación e Formación Profesional co Selo de Vida Saudable polo seu traballo no fomento da aprendizaxe da saúde no eido educativo.

Os centros galegos que acadan este selo son o CPR Plurilingüe Santa María del Mar (A Coruña), o CEIP Plurilingüe O Ramo (Fene), o CPR Jorge Juan (Narón), o CPR Plurilingüe San José de Cluny (Santiago de Compostela), o IES Xograr Afonso Gómez de Sarria (Sarria), o CPR Plurilingüe Ntra. Sra. de la Asunción (Sarria) e o IES Celanova Celso Emilio Ferreiro (Celanova).

Este selode calidade é un recoñecemento á asunción por parte dos centros das prácticas e hábitos de vida saudable, así como dunha educación física que permita o axeitado desenvolvemento persoal e social ao longo da escolarización do alumnado.

Poden acceder a este recoñecemento os centros sostidos con fondos públicos que asuman un compromiso firme e inequívoco co desenvolvemento e mellora da calidade educativa e a saúde e que presenten a correspondente memoria que describa o cumprimento dos requisitos indicados na convocatoria en relación co fomento dos hábitos saudables.