Galicia comeza a inmunizar aos bebés contra o virus respiratorio sincitial
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, visitou o Hospital Materno Infantil da Coruña con motivo do inicio da campaña de inmunización pediátrica contra o virus respiratorio sincitial.
A Xunta acaba de comenzar a inmunizar a todos os nenos e nenas que nazan nos hospitais da nosa comunidade, converténdose en pioneira na protección contra o Virus Respiratorio Sincitial.
O Virus Respiratorio Sincitial (VRS) é o causante da bronquiolite, unha enfermidade que provoca ata un milleiro de hospitalizacións en Galicia. “Somos a primeira comunidade do mundo en administrar o anticorpo contra o VRS”, remarcou o titular de Sanidade, ao tempo que apuntou a adquisición de 15.500 doses por parte da Xunta.
Xunto cos recén nados, tamén as áreas sanitarias convocarán aos nenos prematuros (nados desde o 1 de outubro de 2021), e aos nenos de alto risco (cardiopatías, displasia broncopulmonar, etc) con menos de 24 meses. Ademais, entre os días 2 e 15 de outubro Sanidade citará a aqueles nenos/as que naceran desde o pasado 1 de abril de 2023.
Na compaña do delegado Territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor; da directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán; e do xerente da área sanitaria de Coruña-Cee, Luis Verde; o responsable de Sanidade destacou a importancia que ten a prevención “como ferramenta para evitar enfermidades”, e remarcando o Calendario de inmunización ao longo da vida co que conta Galicia.
“Temos claro o noso compromiso coa saúde dos galegos e galegas, e traballamos nunha estratexia pola prevención primaria”, remarcou o conselleiro, “o que nos levou a ir mellorando, cada ano, nun calendario vacinal que hoxe é dos mellores do mundo”.