Clases sen fume: 31 de maio, Día mundial sen tabaco
O día 31 de maio celébrase o Día Mundial sen Tabaco, e a Organización Mundial da Saúde quere chamar a atención dos danos que esta substancia provoca no noso sistema respiratorio, tanto co consumo activo como coa
Un total de 2.028 escolares de 92 aulas, procedentes de 39 centros diferentes de toda Galicia, ven de participar na edición 2018-2019 do programa educativo Clases sen Fume, iniciativa que organiza a Consellería de Sanidade, a través da Dirección Xeral de Saúde Pública, en colaboración coa Consellería de Educación.
O principal obxectivo é evitar o inicio do consumo de tabaco nas mozas e mozos galegos, ou, cando menos, atrasar a idade dese inicio.
O responsable da sanidade pública galega felicitou aos escolares e aos seus titores que, ao longo de seis meses, traballaron en distintas actividades para coñecer, por eles mesmos, os beneficios que conleva non iniciarse no consumo do tabaco.
Sinalou, ademais, a imaxinación e o bo facer nas actividades realizadas polos escolares. “Agora xa sabedes que calquera consumo ou exposición pasiva pode ocasionar enfermidades, non existe ningún consumo seguro, exento de risco, por iso o único que vale é o consumo cero”, -díxolle Almuiña aos escolares-.
A conselleira de Educación, Carmen Pomar sinalou a importancia de iniciativas como Clases sen Fume, que facilitan que "a escola sexa o lugar onde a sociedade comeza a transformarse positivamente, o berce da evolución e o progreso de Galicia".
Clases sen fume
Clases sen Fume é un concurso educativo para a prevención do tabaquismo, dirixido a escolares de 1º e 2º de ESO, é dicir de 12 a 14 anos, idade na que se dan os primeiros contactos co tabaco. Con esta iniciativa, que forma parte do Plan Proxecta da Consellería de Educación, búscase o compromiso colectivo de toda a clase, é dicir, alumnado e titor, para estar 6 meses sen fumar durante o curso escolar.
Neses meses, os escolares realizan actividades creativas en relación coa prevención do tabaquismo e traballan as unidades didácticas relacionadas co tema.
Na edición deste ano resultou premiado, no apartado a mellor eslogan, (“Paso de fumadores, e ti?”) o curso 2º A do IES Antón Losada da Estrada (Pontevedra). O primeiro premio de actividade creativa (“Que non che vendan a caixa”) foi para 1º C do IES Melide (A Coruña). O segundo premio da actividade creativa foi para o 2º A do IES Fontem Albei da Fonsagrada (Lugo). Na categoría de Clases sen Fume, o premio foi para 1º A IES Carlos
Casares de Vigo.
Recibiron accesits, 1ºB IES Moncho Valcárcel das Pontes; 1ºA CPR Padre Feijoo Zorelle de Ourense; 2ºA IES Laxeiro de Lalín; e 1ºA do IES A Guía de Vigo.
Esta é a 16 edición do programa Clases sen fume, que contou coa colaboración de patrocinadores externos, que foron o Concello de Cerceda, a empresa Monbús e a Cooperativa CLUN.