Enfermaría: Novos protocolos a partir deste outono

Cambios importantes na enfermaría galega a partir de outono // Foto marthadebayle.com-El Portal de la Infancia

A Xunta aprobará protocolos para que enfermaría poida resolver de xeito autónomo preto de 40 motivos de consulta.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, anunciou que, neste mesmo outono, “a enfermaría galega xa vai poder dispensar medicación relacionada coa hipertensión, a diabetes ou as queimaduras, o que supón un paso máis no proceso no que Galicia sempre foi por diante, como é a potenciación da enfermaría”.

Este anuncio, o responsable da carteira sanitaria do Executivo galego o fixo na visita ao centro de saúde da Estrada, onde acudiu para felicitar ao equipo de enfermaría polo recoñecemento do Consello Xeral de Enfermaría, “que os sitúa como a mellor enfermaría de primaria de España”, e para poñer en valor o papel deste colectivo na atención primaria. Precisamente “o número de probas que realiza a enfermaría, espirometrías ou retinografías, xunto coa calidade da atención domiciliaria, son sinais de identidade deste centro de saúde”, -remarcou o conselleiro-.

No acto, Comesaña, quen estivo acompañado pola directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, Estrella López-Pardo; pola xerente da área sanitaria, Eloiña Núñez; ademais de polo xefe de servizo do centro de saúde, Juan Sánchez, sinalou que o seu departamento está a traballar na posta a disposición do persoal de enfermaría de protocolos “que permitan estender consultas de alta resolución a máis demandas sanitarias que se poidan resolver dende a enfermaría”, como é o caso do seguimento e control dos tratamentos anticoagulantes orais, que na Estrada xa se facía a través da enfermaría, un modelo que, dende o ano pasado, estendeuse a toda Galicia.

En consecuencia, Sanidade quere poñer a disposición deste colectivo, a partir de outono, “preto de 40 protocolos de enfermaría avanzada que permitan a estes profesionais resolver, de forma autónoma, consultas sobre subas de tensión arterial, infeccións urinarias e outras demandas sanitarias comúns”.

Esta medida compleméntase coa posta en marcha, por parte da Xunta, nos centros de saúde galegos, dun sistema de Xestión Integrada de Demanda en Equipo (XIDE), que xa funciona en máis de 50 centros, “e que potencia todas as categorías profesionais, posto que dirixe ao paciente directamente ao profesional máis axeitado para atendelo, evitando, deste modo, que todas as consultas teñan que pasar polo médico”.

Potenciación da enfermaría

O conselleiro avoga pola concepción do traballo do centro de saúde como un labor en equipo, “que ten que ser multidisciplinar e coordinado, para dar a mellor asistencia ao paciente e para poder facer actuacións reais de mellora da saúde comunitaria”. Este modelo de traballo, o Sergas o quere consolidar por medio dos Plans Locais de Saúde, que funcionan xa en 14 servizos de primaria, un deles o da Estrada, e que o Executivo galego o quere ampliar a máis de 40 neste ano.

Comesaña dixo no acto que “a Xunta non pode perder un só paso no proceso no que a nosa Comunidade Autónoma sempre foi por diante, como é a potenciación da enfermaría”. Exemplo disto é que Galicia foi pioneira na creación das categorías de enfermaría especialista e hoxe ten máis de 300 destes profesionais no Sergas. En concreto, no caso de enfermaría especialista en familiar e comunitaria, esencial para o primeiro nivel asistencial, incorporáronse dende 2017, máis de 80.

Por tanto, “o Goberno galego avanza e a enfermería sempre responde”, como o demostra o seu traballo exemplar na campaña de vacinación masiva. E a Xunta ampliará as competencias deste colectivo, e tamén os seus efectivos, camiñando cara esa ratio igualitaria de efectivos de medicina e de enfermería no primeiro nivel asistencial. Así, o Plan de Primaria 2019-21 xa creou 130 prazas de enfermaría e os orzamentos deste ano incorporaron outras 81, e o obxectivo para 2023 é seguir nese camiño, -concluiu o conselleiro-.