O tempo, verbas e un videoclip
A Mesa pola Normalización Lingüística estrea o 23 de maio de 2019 O tempo meteorolóxico, o videclip realizado polo ilustrador Miguel Robledo a partir da canción de Magín Blanco para acompañar o libro ilustrado homónimo que axuda a cativada a identificar os fenómenos meteorolóxicos e o seu nome en galego.
Este título forma parte xunto con O abecedario, As aves e Os peixes e outra fauna mariña do proxecto didáctico que A Mesa adica á educación infantil, proporcionando materiais en galego para nenas e nenos de 0 a 6 anos co obxectivo de potenciar o uso de vocabulario desta lingua nesta etapa.
O autor da canción é Magín Blanco (A Rúa, 1960), creador de propostas musicais e escénicas para público familiar no panorama actual galego.
A Mesa quere contribuír con esta liña de publicacións a suplir a escaseza de materiais didácticos en galego para a etapa de 3 a 6 anos, fronte á grande cantidade de recursos existentes en castelán e en inglés, sobre a que alertou no Estudo sobre a educación infantil de Galiza de 3 a 6 anos. Curso 16/17, que se pode descargar no portal web da Mesa.