A construción do novo CHUAC comezará coas obras da torre polivalente
A Xunta recibe 12 ofertas para executar as obras da Torre Polivalente do Novo Hospital Público da Coruña (CHUAC).
A Xunta recibe 12 ofertas para executar as obras da Torre Polivalente do Novo Hospital Público da Coruña (CHUAC), que suporán un investimento de máis de 35M€.
Así, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade prevé poder comezar estas actuacións este mesmo ano, cun prazo de 18 meses.
Trátase da primeira obra coa que dará comezo a construción do Novo CHUAC. A Torre Polivalente será o punto desde o que se administrará todo o complexo e tamén o nexo entre as novas edificacións e o hospital actual, a través dunha pasarela elevada que o conectará co bloque oeste existente.
Este edificio situarase na parcela sen edificar ao carón do actual complexo, ocupando uns 4.500 m² en planta rectangular e albergando 12.300 m² de superficie construída, un total de 8.260 m² de superficie útil distribuída en 16 andares, 3 deles baixo rasante.
De xeito máis concreto, o nivel 0 a 2 serán para instalacións; o 3 será para informática; os 4 a 6 para accesos; os 7 a 12 centralizarán as instalacións de xestión, administración e laboratorio; o 13 e 14 destinaranse a Hotel de Doente, con 14 habitacións; e o 15 destinarase ás instalacións de clima.