O Sergas acude ás XIV xornadas de saúde perinatal e reprodutiva
Profesionais do Sergas do ámbito da saúde materno-infantil, asisten ás XIV Xornadas de Saúde Perinatal e Reprodutiva.
Un ano máis, a Subdirección Xeral de Atención Primaria do Sergas organiza, a través da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), as Xornadas de Saúde Perinatal e Reprodutiva, que foron inauguradas polo xerente do Sergas, José Flores Arias, na Escola Galega de Administración Pública (EGAP).
No primeiro día das xornadas, expertos nas distintas materias compartiron coas máis de cen persoas presentes, como evolucionou a educación maternal perinatal nos últimos anos; as consideracións a ter en conta sobre a saúde da muller durante o climaterio e menopausa; como a covid afecta á muller e ao feto ou neonato durante a xestación, parto e puerperio; así como aspectos do vínculo, desenvolvemento psicoevolutivo e interacción ante o fenómeno global e inédito da pandemia que estamos a vivir.
No segundo día, que se celebra hoxe, estase a falar sobre a abordaxe fisioterapéutica da dor pelviana crónica a nivel de atención primaria, así como do reto sanitario infradiagnosticado que supón o consumo de drogas durante o embarazo, para, finalmente, rematar cunha mesa redonda sobre boas prácticas en saúde sexual e reprodutiva.
Se presentaran as tres experiencias galegas, das oito presentadas, que obtiveron o recoñecemento de boas prácticas no Sistema Nacional de Saúde da convocatoria 2019, das que dúas pertencen á Area Sanitaria de Coruña e Cee (“APP Risco cero” e “Proceso asistencial integrado de seguimento da saúde xinecolóxica en mulleres sans e asintomáticas”), e outra á Area Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras (“Xestión de eventos adversos en Obstetricia”).
Na convocatoria de Boas Prácticas do ano 2019, era a primeira vez que se convocaba a presentación de experiencias candidatas sobre a Estratexia de saúde sexual, e a terceira para boas prácticas en saúde reprodutiva. En total, nas tres convocatorias, os centros do Sergas obtiveron o selo de Boas Prácticas no Sistema Nacional de Saúde.
A pesares da situación actual que estamos a vivir por mor da covid, un ano máis é posible celebrar estas xornadas, que aínda cun aforo reducido, están a resultar un éxito, como en edicións previas. Os asistentes destacan a importancia de manter estas xornadas, que permiten actualizar coñecementos no ámbito da saúde perinatal, sexual e reprodutiva da muller ao longo da súa vida.