Temporal costeiro de nivel laranxa no litoral de A Coruña e Pontevedra

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior vén de activar unha alerta por temporal costeiro no litoral da Coruña e Pontevedra a partir desta madrugada

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta vén de activar unha alerta laranxa por temporal costeiro no litoral da Coruña e Pontevedra a partir desta madrugada. 

Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o fenómeno meteorolóxico adverso costeiro de nivel laranxa afectará á costa das provincias da Coruña e Pontevedra, por ventos de compoñente sur que poden chegar a forza 9 con mar combinada do sur con ondas de ata seis metros. 

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, o Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros. Deste xeito, agárdase que se adopten as medidas oportunas para garantir a seguridade dos bens e das persoas.

Sen actividade no exterior de centros educativos

A Comisión Escolar de Alertas suspenderá o mércores as actividades no exterior dos centros educativos radicados nas zonas decretadas con Alerta Laranxa por refachos de vento superiores a 100 km/hora, desde as 9,00 horas ata as 21.00 horas.

Segundo o establecido por MeteoGalicia, este adverso afectará as zonas de predición meteorolóxica do oeste da provincia da Coruña, a Mariña luguesa e montaña da provincia de Ourense. En todo caso, as direccións dos centros escolares das zonas excluídas desta alerta poderán adoptar as decisións que estimen oportunas se consideraran un risco superior ao declarado.

A listaxe de concellos incluídos en cada zona climática pode consultarse na páxina web de Meteogalicia (http://www.meteogalicia.gal/datosred/infoweb/meteo/docs/adversos/DefinicionZonasAdversos_gl.pdf).

Suspencsión dos traballos pesqueros

Debido ao temporal costeiro, a Xunta lembra a importancia de manterse afastados da liña de costa, isto é, de diques, rompentes, espigóns, peiraos, praias, paseos marítimos, e todas aquelas zonas que poidan ser varridas polo mar, co fin de previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar persoas ou obxectos. É preciso ademais evitar aproximarse e vixiar posibles caídas de obxectos de balcóns e fiestras.

Tamén se aconsella a suspensión das actividades pesqueiras e marisqueiras como medida preventiva naquelas zonas máis perigosas, así como extremar as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e revisar os cabos e amarres das embarcacións. Ademais, recoméndase consultar a páxina web do CAE 112 ( www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese​.