“O conto é a forma idónea para trasladar ideas, valores e actitudes positivas dentro da sociedade”

Tras A Trastenda dos contos atópase a figura de Felipe Díaz, máis coñecido como Caxoto. Este contador de orixe lucense e Mestre de formación, comezou no mundo da tradición oral na editorial Kalandraka.

Case 15 anos despois daquela primeira experiencia como contador, a súa vida desenvólvese arredor dos contos. Unha ferramenta que emprega non só para divertir senón tamén para educar, transmitir valores e abrir a mente das persoas, maiores e pequenas, que escoitan as súas verbas.

Como nace a Trastenda dos contos? En 2004 comecei a traballar de almacenero na editorial Kalandraka. Alí, ofrecéronme facer un curso de contacontos e comecei a levar, xunto con outra persoa, a campaña de animación a lectura da editorial por diferentes colexios de Galicia.  En 2012 foi cando me decidín a montar algo arredor do conto e a narración oral e foi como naceu A Trastenda dos contos. Dende o 2015 poderiase dicir que vivo do conto.

Nos teus espectáculos tratas temáticas complexas como a xestión das emocións, en que te apoias? Son un contador pero teño unha parte moi pedagóxica da miña formación como Mestre de Educación Primaria. Sempre traballo en valores ou aspectos de tipo social porque me interesan moito eses temas. O fin e o cabo, a función do conto é a de formar e educar tanto a infancia como mocidade.

A transformación da sociedade fixo que mudaran tamén as temáticas dos contos? Si que se apreciou, tamén no ámbito escolar. Dunha década para aquí, a educación en valores ou a educación para a saúde están moito máis presentes e levamos xa varios anos nos que se busca  moito a formación  en igualdade a través do conto. O conto é  unha forma de xogar e é unha forma idónea para traballar este tipo de contidos e trasladar ideas, valores e actitudes positivas dentro da sociedade.  Tamén se demanda moito o tema da xestión das emocións, a intelixencia emocional. Inclusive, vin xa varios espectáculos nos que se trata o tema do acoso sexual. Trabállase dunha maneira sutil, non directa pola complicación da idade e a temática pero se abordan os contidos propios desa problemática.

Das tamén formación, que é preciso para ser contador? Para ser narradores teñen que buscar o seu propio narrador oral. Cadaquén conta as cousas a súa maneira e se o atopamos seremos capaces de contar contos. Veñen mestras, mestres, xente que traballa coa infancia, nais e pais que xa contan contos. Teñen que coller iso que fan de forma máis íntimo, como contarllo o seu fillo e convertilo nalgo máis presencial.  Todos temos habilidades para contar. Se conseguimos quitarnos os medos, as inseguridades ou a vergoña, temos moito avanzado.  E logo contar moitos contos porque estes tamén evolucionan e van atopando o seu sitio.

Como é a situación actual da narración oral en Galicia? Moi boa. Hai moi bos narradores e narradoras como Quico Cadaval, Celso Fernández, Candido Pazó, Paula Carballeira… e moita outra xente que estamos intentar atopar  o noso sitio. A nivel de España téñennos moi presentes pero en Galicia, non se lle da o valor que debería ter.

A nivel social, como está a tradición oral? É algo que se vai perdendo. Cóntase o conto para durmir pero os nenos, nenas e os seus pais levan unha vida moi activa e non teñen tempo para ler. Non hai tempo para unha cousa moi necesaria para collerlle gusto a lectura: aburrirse. Agora non hai esa oportunidade de aburrise porque collen unha Tablet ou un móvil. Tampouco  hai unha transmisión de valores porque non ven na casa a xente maior que lea.  Da tradición oral, aínda que tamén hai falta de comunicación, preocupame máis a falta de lectura.

E a situación da lingua galega? É moi dificl ver nenos e nenas que falen galego e dame moita tristura. Nótase máis nas cidades e nas zonas de costa. No interior falan máis xenuinamente galego porque é a súa lingua nai. Fanse esforzos dende o ámbito educativo pero os estímulos exteriores que reciben como a televisión son, en xeral, en castelán e o galego queda tapado. Son un pouco pesimista nese aspecto porque tamén falta a parte da adolescencia que tome o galego por iniciativa propia.