“O esforzo comercial para buscar un cliente se divide entre o número de persoas do coworking”

Árticos é un coworking asociativo cun fío condutor: a industria creativa. Non son un coworking tipo xa que están constituidos como asociación e desenvolven actividades para a sociedade en xeral.

Como explica Carlos García, un dos socios fundadores, “a idea sempre foi que ademais de ter un espazo de traballo puideramos desenvolver eventos e proxectos en común”. O abano baixo o que se atopan é a industria creativa. “Caben moitas cousas que teñen que ver coa creatividade e a tecnoloxía: audiovisual, contidos dixitais, desarrolladores de software…”.

Cales son as vantaxes de traballar dende un coworking? Non estar na casa é unha gran vantaxe. Eu botaba en falta poder compartir con xente con intereses comúns. Ademais de poder ter un sitio onde reunirte cos clientes. Unha vantaxe moi importante é que o esforzo comercial para buscar un cliente case se divide entre o número de persoas que estean no coworking. Se, por exemplo, hai un deseñador que traballa nun proxecto multidisciplinar e precisa un desarrollador de software, primeiro buscará entre a xente do coworking e viceversa. Por Árticos pasaron arredor de 30 socios/as e podería dicir que colaborei case con todos en proxectos profesionais. E coma min, o resto de compañeiros. É algo que sucede de xeito natural.

Coñecedes algunha iniciativa deste tipo en Arteixo? Cando comezamos, reunímonos co concello para saber se había algunha iniciativa similar. Non había nada pensado e fixemos a proposta de artellar unha iniciativa pública deste tipo. As cousas ían moi despacio e lanzámonos a facelo pola nosa conta. Non había prácticamente nada como o que queríamos facer. Só unha inciativa similar, de carácter público, en Andalucía e un coworking asociativo en Vigo. Non sabíamos moi ben como movernos pero fumos comezando, decidimos alugar un local e darlle forma.

Qué é o Laboratorio Aberto? Son obradoiros, normalmente organizados por nós, sobre cousas que nos atraen e coñecemos moitas veces pola faceta profesional. Aínda que tamén fixemos eventos nos que contamos con xente externa. Temos unha programación trimestral e fixemos obradoiros diversos: iniciación a fotografía, robótica, programación… Os obradoiros son gratis para os socios e nenos e cun custe simbólico para os adultos. Agora temos tamén a figura do socio amigo para xente que non necesita un espazo de traballo pero si lle interesa tanto participar como organizar eventos. Temos ademáis unha “sala para argallar”. Un lugar común con impresora 3d, soldadores, voltímetros, ferramentas de precisión,… para qua xente poida crear libremente.

Moitos dos eventos organizados son familiares… Normalmente sí. A idea é que compartan experiencias. Por iso, o que pedimos é que os pequenos veñan acompañados de pais, nais, avós, tíos, titores…  Moitas veces veñen porque lles interesa aos adultos e tamén aos nenos. Outras, a xente vén cos fillos/as porque xa ten un hobbie e lle interesa ensinarllo aos pequenos ou facelo en común. E tamén atopamos xente que vén porque son os fillos os que queren asistir.

Notades maior formación nestes eidos na infancia? Hai algúns que si coñecen algunhas cousas pero, aínda así, o que aprenden no colexio ou no instituto son cousas moi concretas e básicas. Ademais, nos centros educativos son actividades moi dirixidas e aquí é todo o contrario. Son os nenos/as os que desenvolven a actividade, sempre co noso asesoramento. Buscamos que aprendan de forma práctica, lúdica e que o pasen ben en familia. Os pais normalmente teñen menos idea, a non ser que se adiquen a isto ou sexa o seu hobbie. Hai unha barreira sobre todo en xente de cerda idade.

Contades coa colaboración do concello? Moitas veces custa falar porque non sabemos con que interlocutor facelo.  Foi sempre máis doado falar cos técnicos que cos representantes políticos porque non hai un encaixe en ningunha parte. Quizais polo descoñecemento sobre estes eidos e porque non houbo un apoio claro a este tipo de temas. Hai dous anos si realizamos obradoiros en Baiuca e sempre se nos apoiou en difusión. Mais, moitas veces, tes a sensación de pedir un favor cando realmente o que se pretende é dinamizar e buscar cousas nas que colaborar.

Esta iniciativa axuda a crear comunidade? Ademais de ter un espazo de traballo, ten moito de socialización. Somos xente con intereses comúns, tanto os socios como moita da xente que asiste aos eventos. Cando organizamos un obradoiro, xuntámonos familias cos mesmos intereses que non sabíamos que estaban na contorna. Ademais, suplimos unha demanda xa que non hai moita oferta de eventos similares para familias.