O Plan galego de formación oferta máis dun millar de cursos para persoas sen emprego

A Xunta pon en marcha o Plan galego de formación 2018-2019, que permitirá que un total de 16.515 persoas sen emprego poidan elixir a súa cualificación a través dunha oferta de máis de 1.100 cursos.

O Plan galego de formación forma parte da Axenda 20 para o Emprego, que ten como obxectivos incrementar e mellorar as oportunidades laborais dos galegos e galegas e adaptar a formación ás demandas reais do tecido produtivo. A Administración autonómica destina a este programa preto de 48 millóns de euros, un 13,4% máis que na convocatoria anterior.

Esta iniciativa contará, nesta edición, con algunhas novidades. Por primeira vez, os alumnos e alumnas poderán escoller o centro e a acción formativa que se impartirá en empresas, entidades sen ánimo de lucro e concellos que son os adxudicatarios destas axudas da Xunta. Ademais, os centros de formación terán a posibilidade de seleccionar directamente ao alumnado.

A través do portal de Emprego online da Xunta, o alumnado poderá solicitar o centro e a materia na que se desexa formar. Terá, tamén, a posibilidade de coñecer o custo do curso no que se vai cualificar e que se financia ao 100%. A persoa desempregada poderá obter na web toda a información sobre o curso: a data prevista de comezo; o horario; o lugar onde se imparte; e os datos de contacto da entidade. Ademais, terá acceso á solicitude de preinscripción para o posterior proceso de selección que poderá levar a cabo o centro de formación. A cualificación, que será acorde ás necesidades que demanda o tecido empresarial, permitirá acceder a certificados de profesionalidade con validez en todo o Estado.

Dentro do Plan galego de formación ofértanse cursos nas catro provincias galegas e nos principais sectores da economía galega, como son o metal e naval; as TIC; a automoción; o comercio e márketing; a construción; o turismo e a hostalería; o transporte; a sanidade; os servizos sociais; a seguridade e medio ambiente; o ámbito agrario; as actividades deportivas ou a industria alimentaria, entre outros. As accións formativas terán un custo por alumno de ata 6.491 euros. No eido do metal e naval cada acción formativa ten un custo medio de 5.000 euros por alumno; na automoción e nas enerxías renovables de 3.900 euros; e nas TIC e construción de 3.600 euros. Cada curso ten unha media de duración de 6 meses.

Inserción media do 60%

O obxectivo do Plan galego de formación 2018-2019 é facilitar o acceso ao mercado laboral das persoas sen emprego. Na convocatoria deste ano, a Xunta ampliou a dotación orzamentaria inicial co propósito de atender a un maior número de solicitudes. A Administración autonómica continúa impulsando os cursos de formación dirixidos a persoas desempregadas, xa que este tipo de accións alcanzan de media unha inserción laboral próxima ao 60%.

Na selección do alumnado terán preferencia as mulleres; as persoas en paro de longa duración; menores de 30 anos; emigrantes retornados; persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social; alumnado con baixa cualificación ou persoas que teñan superados un ou varios módulos dun certificado de profesionalidade ou que obtivesen certificados parciais.

A formación para persoas desempregadas e ocupadas é un reto prioritario para o Goberno galego. Por iso, ten en marcha outro tipo de programas, como son as Unidades formativas na empresa; os plans formativos para sectores específicos, como a automoción, o naval e o forestal; ou os obradoiros duais e para menores de 30 anos.

Para esta última iniciativa, a Xunta destina este ano un 25% máis que no período anterior. Estanse a impartir 23 obradoiros para 352 menores de 30 anos aos que se destinan 3,4 millóns de euros; mentres que os obradoiros duais, nos que participan máis de 1.600 alumnos e alumnas dos 206 concellos beneficiarios, contan cun orzamento total de 23,26 millóns de euros.

A principal novidade desta segunda modalidade –pioneira en Galicia– é que os participantes poden combinar un contrato de formación e aprendizaxe durante nove meses, cun contrato laboral de, como mínimo, tres meses máis nunha empresa emprazada no mesmo ámbito territorial e cunha actividade vinculada ás materias do obradoiro. Trátase de mesturar formación e aprendizaxe coa oportunidade dunha experiencia laboral. O obxectivo é seguir mellorando o emprego nos concellos galegos, especialmente os do rural, adaptando a oferta formativa ás súas demandas e necesidades de contratación.