Aberto o prazo de solicitude das axudas para a contratación de xestores en empresas

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a convocatoria destes apoios que se poden pedir ata o 29 de novembro, o programa ten un orzamento dun millón de euros

A Xunta vén de abrir o prazo de solicitude das axudas dirixidas a empresas e organismos empresariais (clústers, asociacións, consellos reguladores centros tecnolóxicos ou de apoio á innovación tecnolóxica, entre outros) para a contratación de xestores de comercio exterior para o desenvolvemento de proxectos de internacionalización.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a convocatoria destes apoios que se poden pedir ata o próximo 29 de novembro e contan cun orzamento dun millón de euros para contratar a 50 mozos e, como novidade este ano, tamén a maiores de 45 anos en situación de desemprego que conten con experiencia neste campo.

O obxectivo deste programa da Consellería de Economía, Emprego e Industria é, polo tanto, impulsar a internacionalización das empresas galegas e ao mesmo tempo facilitar a incorporación ao mercado laboral de profesionais neste ámbito.

Deste xeito, a iniciativa busca facilitar ás

pemes galegas o acceso a novos mercados poñendo a seu alcance axudas para

contratar profesionais con formación en internacionalización empresarial.

Os apoios poden cubrir o 70% do salario neto

por un máximo de 15 meses ou o 80% do salario neto no caso da contratación de

mulleres ou mozos inscritos no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil. Admitirase

a posibilidade de contratación de ata dous xestores por empresa.

Con esta actuación, a Xunta continúa

desenvolvendo a súa aposta pola internacionalización do tecido empresarial como

un dos piares do crecemento económico. A Administración autonómica está a

promover preto de 900 accións no exterior no que participan case 1000 pemes

galegas en máis de 100 países, a través de programas como o Galicia Exporta

Organismos Intermedios, Galicia Exporta Empresas e o Foexga.

O obxectivo é seguir incrementando as vendas ao exterior e dar

visibilidade ao gran esforzo que están facendo as empresas galegas, investindo

en innovación e talento como clave para competir e internacionalizarse.