8 estrelas Michelín e 20 soles Repsol para promover a excelencia gastronómica

O local temporal funcionará como embaixador da nosa cultura e gastronomía ofrecendo unha imaxe da calidade que os viaxeiros poden atopar en Galicia.

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e o presidente de Nove, Miguel Ángel Campos, asinaron un convenio de colaboración para promover Galicia como destino enogastronómico. O acordo permitirá, entre outras actuacións, que Galicia abra en Porto un restaurante 8 Estrelas Michelin e 20 Soles Repsol co obxectivo de promover a excelencia da nosa cociña.

O establecemento será atendido por todos os chefs de Nove, que unirán o seu talento do 24 de outubro ao 17 de novembro (2019) neste local efémero situado no Hotel Carrís Porto Ribeira, con servizo de ceas de martes a domingo. Como salientou o titular de Cultura e Turismo da Xunta, o restaurante “funcionará como embaixador da nosa cultura e gastronomía ofrecendo unha imaxe de calidade que os viaxeiros poden atopar na nosa Comunidade”.

Ademais do presidente de Nove, o acto de sinatura contou coa presenza dos chefs Xosé Cannas, Manuel Costiñas, Yayo Daporta, Lucía Freitas, Juan Crujeiras, Roberto Filgueira,  Javier Rodríguez Taky e Álvaro Villasante, así como da directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro. Precisamente, o obxectivo deste restaurante efémero será recrear a esencia de Nove ofrecendo un menú degustación elaborado polos 22 chefs do grupo na cidade de Porto, coa finalidade de exportar a alta cociña galega máis alá das nosas fronteiras.

Así mesmo, o titular de Cultura e Turismo destacou a “profesionalidade e o bo facer” dos chefs de Nove e puntualizou que esta acción “favorecerá a internacionalización da nosa oferta enogastronómica nun mercado de gran potencial”, contribuíndo así a desestacionalizar a actividade turística fóra da tempada estival, atraendo viaxeiros “durante os doce meses do ano”.

Paquete

‘Rutas Nove’

O acordo asinado entre a Xunta de Galicia e Nove inclúe ademais o impulso de Rutas Nove, un paquete premium para os turistas interesados en experiencias únicas centradas nas potencialidades da cociña galega. Dentro deste produto haberá tres paquetes, o primeiro deles centrado nos amantes da natureza que busquen un aloxamento respectuoso co medio ambiente e interesados en degustar produtos galegos de proximidade e de tempada.

O segundo dos paquetes aproveitará a ampla rede de balnearios galegos para ofrecer un produto centrado no turismo de benestar e saúde a descubrir os beneficios da dieta atlántica. Por último, o terceiro dos paquetes está enfocado a aloxamentos de cinco estrelas e experiencias gastronómicas en restaurantes con Estrelas Michelín. Todos estes produtos poderán adquirirse a través da web de Turismo de Galicia, na web do grupo Nove e na doutros socios involucrados como hoteis ou balnearios. O conselleiro de Cultura e Turismo recordou que o Goberno galego puxo en marcha diferentes medidas como a estratexia Galicia Sabe para situar a Comunidade como destino enogastronómico de primeiro nivel. Froito desta actuación, destacou, xa se ten realizado un mapa dos recursos enogastronómicos da Comunidade, rexistrando máis de 2.200.