Subvencións para actuacións de mellora de aloxamentos turísticos

O Diario Oficial de Galicia publicó a resolución das subvencións para mellora das infraestruturas de aloxamentos turísticos incluídos no Plan MAT

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución das subvencións para actuacións de mellora das infraestruturas de aloxamentos turísticos, incluídos no Plan MAT, das que se benefician 66 empresas galegas a través dunha convocatoria dotada con 1,2 millóns de euros.

A través delas, os beneficiarios poderán cubrir investimentos dirixidos a accións de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas; obras para a optimización das instalacións coa finalidade de obter certificacións de calidade, en especial a Q de Calidade Turística; ou actuacións para incrementar a clasificación do establecemento e elevar a súa categoría.

Comprende, así mesmo, iniciativas de climatización que favorezan a sustentabilidade coa implementación de medidas de aforro enerxético; a modernización das instalacións e do embelecemento do entorno ou a renovación dos equipamentos mobles necesarios para o funcionamento do establecemento de aloxamento nas súas diferentes tipoloxías.

Para quén?

Poderán ser beneficiarios das subvencións os establecementos turísticos de aloxamento incluídos no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta (REAT), con especial incidencia nas pequenas e medianas empresas do sector, cunha antigüidade na actividade non inferior a cinco anos. Ademáis, téñense en conta aspectos como a posesión de certificados ambientais ou a implementación  de plans de igualdade e formación.

A Xunta destinou a estas axudas 1,2 millóns de euros. O investimento neto admitido por cada proposta foi de ata 100.000 euros e os proxectos acadaron unha subvención de ata o 35% sobre o orzamento do investimento subvencionable. Polo tanto, o importe máximo da axuda a cada entidade beneficiaria é de 35.000 euros.

A aposta por un turismo de calidade é un dos principais obxectivos do Plan MAT de Mellora de Aloxamentos Turísticos, unha estratexia que ten como obxectivo favorecer a renovación e modernización dos establecementos da Comunidade coa ollada posta no gran reto que para o sector suporá a celebración do próximo Xacobeo 21, unha cita na que a Xunta está a traballar intensamente.