Oferta de formación práctica en atención e información turística 2020

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as bases da nova convocatoria da oferta de formación práctica en atención e información turística para 2020

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as bases da nova convocatoria da oferta de formación práctica en atención e información turística para 2020. É para traballar nas oficinas de turismo situadas en Galicia xestionadas pola Xunta e unha máis para desenvolver tarefas de investigación, tratamento e análise de datos turísticos na Área de Estudos e Investigación Turística da Xunta, en Santiago de Compostela.

En total serán 15 novas bolsas, o que supón seis máis que na anterior convocatoria. Este novo reparto suporá que no marco do Xacobeo 2021 a Xunta duplicará o ano próximo a formación práctica nas oficinas da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo e que ofrecerá unha bolsa máis que ata o de agora na cidade de Santiago de Compostela.

O programa formativo desenvolverase ao longo dos anos 2020 e 2021 e os interesados poderán acceder a catro bolsas para realizar prácticas tuteladas en Santiago de Compostela. Unha, na oficina de turismo situada na praza de Mazarelos, dúas na oficina do Centro Internacional de Acollida ao Peregrino, e, como novidade, ofrecerase tamén unha bolsa para a oficina de turismo do aeroporto de Santiago de Compostela.

De cinco meses a un ano

Tamén haberá dúas bolsas para a oficina turística da Xunta na Coruña, dúas en Lugo, dúas para a de Ourense, dúas en Pontevedra, e outras dúas en Vigo. En todos estes casos, terán unha duración máxima de cinco meses, cunha incorporación prevista en maio de 2020.

Xunto a estas bolsas, a convocatoria permitirá ofrecer outra na Área de Estudos en Investigación de Turismo de Galicia. Neste caso, a duración sería dun ano, previsiblemente a partir de marzo de 2020 para realizar tarefas de investigación, tratamento e análise de datos turísticos na sede de Turismo de Galicia en Santiago de Compostela.

Coñecemento da lingua galega

En todos os casos, as bolsas están dirixidas a profesionais titulados a partir do 1 de xaneiro de 2014, que, entre outros requisitos, deberán acreditar un coñecemento da lingua galega no nivel Celga 4. No casos das oficinas de turismo, tamén o coñecemento da lingua inglesa. As solicitudes valoraranse en base a uns criterios obxectivos fixados nas bases publicadas no DOG. Incluirán unha proba de coñecementos turísticos no caso das oficinas de turismo e unha proba de coñecementos prácticos no caso da bolsa na Área de Estudos e Investigación.

A Xunta continúa así a traballar na calidade do destino galego dando resposta á positiva evolución da actividade turística que Galicia está a rexistrar nos últimos anos, garantindo a excelencia na atención e apostando polo perfeccionamento profesional na información turística.