Cuarta Ronda como vía de vertebración e de acceso ao Porto Exterior

Francisco Menéndez destacou o apoio da Xunta á Cuarta Ronda como vía de vertebración da comarca da Coruña e de acceso ao Porto Exterior

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, destacou hoxe na Comisión 2ª do Parlamento de Galicia o apoio da Xunta á Cuarta Ronda como vía de vertebración da comarca da Coruña e de acceso ao Porto Exterior, compatible coa liberación da peaxe de Pastoriza.

Francisco Menéndez subliñou que esta infraestrutura esixe replantear a execución da vía que o Ministerio de Fomento plasmou no estudo informativo aprobado en 2017 como mera conexión do Porto Exterior da Coruña, que é unha vía con funcionalidade e configuración incompatibles coa Cuarta Rolda demandada polo Concello da Coruña.

Lembrou que o Goberno galego, xunto co Concello de Arteixo, lle trasladou recentemente tanto ao Ministerio de Fomento como á concesionaria da autoestrada unha proposta, sen ter recibido aínda unha resposta.

Explicou que esta alternativa implica que o Ministerio de Fomento conecte o acceso ao Porto Exterior de Langosteira coa rede de estradas estatais a través da AG-55, asumindo a súa titularidade no treito entre A Coruña e Arteixo. Así, conformaríase un itinerario de titularidade estatal continuo desde a A-6, tal e como fixa a Lei estatal de estradas.

Equilibrio económico financeiro

Sinalou que para poder realizar este cambio de titularidade e que o citado treito sexa libre de peaxe, a Xunta tramitaría o rescate parcial da concesión para este tramo que conecta A Coruña e Arteixo. Precisou que a Xunta lle facilitaría a Fomento o pagamento da compensación que garante o equilibrio económico financeiro da concesionaria da AG-55, permitindo o abono da compensación en 5 anos para que sexa asimilable e viable por parte do Goberno central.

Neste sentido, o Ministerio de Fomento achegaría entre 2020 e 2024 unha contía anual de 3,8 millóns de euros, unha cantidade asumible polo Goberno do Estado.

Ademais, para facilitar este acordo, o Concello de Arteixo se comprometería a aplicar a máxima bonificación permitida legalmente sobre o imposto municipal de Bens Inmobles de Características Especiais, que está a pagar a concesionaria da autoestrada.

Francisco Menéndez salientou que esta proposta redundaría na mellora da mobilidade na área metropolitana, ao eliminar unha peaxe que supón un custo para o movemento de persoas e mercancías entre A Coruña e Arteixo.

Tamén fixo fincapé no incremento da seguridade viaria que suporía a alternativa descrita, especialmente para os veciños da contorna da estrada AC-552, que derivaría boa parte do seu tráfico á AG-55.