BNG leva a pleno cuestións de sanidade, educación e recollida de lixo

Sanidade, educación e recollida de lixo son algún dos temas que preocupan ao BNG de Arteixo e que levará a pleno o día 30 de xaneiro
negativa de los partidos políticos de Arteixo tendido de alta tensión entre Monteagudo y Morás
photo_camera El concejal Xurxo Couto llevará el tema del tendido de alta tensión al próximo pleno

O grupo municipal do BNG Arteixo, preguntará no pleno sobre o estado do Bacharelato no IES de Pastoriza e pola xestión do lixo e a recollida de aceite. Tamén levarán dúas mocións sobre o estado da sanidade e da creación da área metropolitana. Además, presentará un rogo sobre a realización dun estudo de cobertura móbil no municipio.

O próximo xoves 30 de xaneiro, o BNG dirá que é fundamental reorganizar o sistema educativo en Arteixo, comezando por ofrecer o Bacharelato no IES de Pastoriza, co obxectivo de desmasificar os institutos do concello. Deste xeito, preguntará no pleno sobre o estado das negociacións coa Xunta de Galicia que o propio goberno local anunciou sobre este tema.

Recoxida do lixo e aceite

Ademáis, levará a pleno aspectos relacionados coa xestión da recollida do lixo no municipio. Así, preguntará como está funcionando a experiencia dos composteiros, se vai estenderse o programa a máis domicilios e se o grupo de goberno seguirá en Sogama ou se formula volver a Nostián.

Así mesmo, detectou que o contrato de recollida de residuos de aceites con Mulleres Colleiteiras está caducado desde setembro de 2019. Por este motivo, roga ao goberno de Arteixo que explique a situación actual e se está reciclando a día de hoxe estes aceites contaminantes.

Telefonía móbil

BNG solicitará que se realice un estudo para determinar se existen lugares no concello sen cobertura de voz de telefonía móbil. Esta situación supón unha discriminación social e tamén un risco para a seguridade da cidadanía, pois imposibilitaría o acceso a servizos de emerxencia a través do 112.

O estudo debe realizarse en prazo axeitado para, de ser o caso, poder acollerse ao convenio marco que o pasado 20 de decembro de 2019 asinaron a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Fegamp.. O convenio é a posta en marcha de actuacións encamiñadas a mellorar a cobertura de comunicacións móbiles no rural de Galicia, cofinanciadas parcialmente co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galiza 2014-2020.

Mocións sobre sanidade

Nun contexto de recortes sanitarios en Galiza e sendo Arteixo un claro exemplo das carencias de atención primaria, o BNG presenta unha moción sobre a sanidade. Solicita do pleno da corporación a adopción dun acordo que inclúe, entre outros puntos, apoiar a manifestación convocada por SOS Sanidade Pública o vindeiro 9 de febreiro en Compostela.

Tamén esixir o cese da política de desmantelamento e peche de servizos na nosa área e demandar solución aos graves problemas de atención primaria en Arteixo cun persoal reducido ao mínimo. Así, contamos só cun fisioterapeuta e unha odontóloga para todo o concello, un pediatra compartido para Vilarrodís e Meicende e un servizo de urxencias que deixa moito que desexar.

Área metropolitana

Finalmente, o grupo nacionalista presenta unha moción en relación á creación da área metropolitana. Solicita adoptar un acordo para avogar pola colaboración supramunicipal como forma de fortalecer a calidade dos servizos públicos, declarar como prioritaria a optimización dos servizos públicos e instar ao avance inmediato na creación da Área Metropolitana da Coruña.