A Xunta Colabora Coa Deputación Da Coruña Para Impulsar A Formación Xuvenil nos Concellos de menos de 50.000 Habitantes

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, asinou hoxe co organismo provincial dous convenios de colaboración por valor de máis de 940.000 euros para impartir cualificación en 90 concellos da provincia coruñesa

Os alumnos e alumnas, que terán que estar inscritos no Sistema de Garantía Xuvenil, poderán acceder a un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado en diferentes especialidades

Marnotes destaca que a Xunta traballa para adaptar os perfís profesionais ás demandas do tecido produtivo galego

Pon en valor os programas que a Administración autonómica está levando a cabo para impulsar o emprego entre a mocidade galega, un colectivo no que o paro baixou no último ano nun 11,56%

A Consellería de Economía, Emprego e Industria ten en marcha na actualidade tres iniciativas nas que inviste 7,8 millóns para beneficiar a 850 menores de 30 anos

A Xunta e a Deputación da Coruña asinaron hoxe dous convenios de colaboración para impulsar a formación entre a mocidade en 90 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. Para levar a cabo os programas Eixo Estratexia de Inserción Xove e PEL Emprego Xuvenil, investiranse máis de 940.000 euros co apoio do Fondo Social Europeo, a través da Iniciativa de Emprego Xuvenil e Garantía Xuvenil.

Eixo Estratexia de Inserción Xove permitirá a formación en transporte e loxística, actividades físico-deportivas, seguridade e medio ambiente e informática e comunicacións. A través de PEL Emprego Xuvenil, os mozos e mozas cualificaranse en especialidades vinculadas coas tecnoloxías e o turismo. Os alumnos e alumnas, que terán que estar inscritos no Sistema de Garantía Xuvenil, poderán acceder a través do curso de formación a un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado.

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, destacou que o obxectivo destas actuacións, que promove a Administración provincial co apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria, é proporcionar á mocidade unha cualificación profesional que lle permita acceder con mellores condicións de empregabilidade ao mercado laboral.

Marnotes sinalou a aposta da Xunta pola formación para o emprego e a súa importancia para dar resposta aos novos perfís profesionais que está demandando o tecido produtivo galego cara ao desenvolvemento do novo modelo industrial e, polo tanto, para incrementar as oportunidades laborais das persoas sen emprego. Así mesmo, puxo en valor a colaboración coas administracións locais para desenvolver este tipo de iniciativas e mellorar a empregabilidade da mocidade galega co obxectivo de que poidan atopar un emprego o máis axustado posible aos seus perfís profesionais.

O director xeral expuxo, ademais, as ferramentas coas que conta o Goberno galego para impulsar a formación, entre as que destacou os cursos de formación para desempregados e as unidades formativas na empresa dirixidas a parados e ocupados, que permite ás compañías contar con persoal cualificado tras unha formación á carta, co apoio da Administración.

“A Xunta ten na formación unha ferramenta fundamental para impulsar entre os máis novos o seu acceso ao mercado laboral”, engadiu.

Así mesmo, destacou os programas que vén de aprobar a Xunta este ano para impulsar o traballo entre os mozos e mozas galegos menores de 30 anos, tres iniciativas que suman 7,8 millóns de euros para beneficiar a 850 persoas: os obradoiros de emprego xuvenís para 352 mozos e mozas aos que a Administración autonómica destina 3,4 millóns de euros; a convocatoria de axudas Cooperación coas entidades sen ánimo de lucro cun orzamento de 2,5M€ para impulsar a contratación nestas asociacións de máis de 200 mozos e mozas; e o programa Emprega Xuventude (1,9M€) para incentivar a contratación de 300 menores de 30 anos a través dun bono de ata 7000€ co que se financia nas empresas a formación á carta dos traballadores e incentívase a súa contratación.

Este ano, como novidade, amplíase o programa Emprega Xuventude a todos os sectores de actividade (en 2017 limitouse ás empresas da Industria 4.0 e a agroalimentación). O bono formación de 2000 euros concédese ás empresas para que poidan impartir cualificación á carta e axustada ás súas necesidades, é dicir, a formación céntrase nas características do posto para o que é contratado o mozo ou moza. Nesta edición, como novidade, este bono será opcional. Ademais, para incentivar a contratación, outórgase, tamén ás compañías, un bono de 5000 euros para apoiar a contratación ao longo dun ano como mínimo. En xeral, as empresas poderán presentar as solicitudes a este programa ata o 30 de setembro.

En palabras de Marnotes, o obxectivo de Emprega Xuventude é impulsar o emprego estable e de calidade entre a mocidade, axudando ao tecido empresarial galego a gañar en competitividade ao dispoñer de persoas traballadoras axustadas as súas necesidades e contribuíndo a fixar poboación xuvenil nas vilas e cidades galegas. O paro entre os menores de 30 anos descendeu no último ano nun 11,56%, o que supón que 3.102 menores de 30 anos atoparon un emprego.