Antón Lopo, coa obra Extraordinario, gaña a XII edición do Premio Narrativa Breve Repsol

A obra Extraordinario do escritor  Antón Lopo, resultou gañadora da  XII edición do Premio Narrativa Breve Repsol en Lingua Galega. Esta iniciativa  conta co apoio de Fundación Repsol,  na que tamén colaboran a Xunta de Galicia e a editorial Galaxia.

Do mesmo xeito que en anteriores edicións, o premio está dotado con 12.000 euros e coa publicación do libro pola Editorial Galaxia.

O xurado do XII Premio Narrativa Breve Repsol define a Extraordinario como unha novela sólida, atractiva e ben narrada, cunha riqueza temática que se complementa con recursos de tipo irónico e humorístico. O portavoz do Xurado, Xoan  Babarro, destacou da obra gañadora “a particular riqueza léxica, así como os valores  estilísticos relacionados coa sintaxe, que se visualiza a miúdo a través dunha puntuación orixinal”. Babarro engadiu que “o uso da primeira persoa, a distribución do texto en noventa notas de desigual extensión e o ritmo narrativo conseguido facilitan a lectura e acaban atrapando o lector”.

O protagonista, dende hai anos separado do círculo familiar, regresa para coidar da nai, hospitalizada. A través da súa mirada iremos interpretando a personalidade de cada un dos membros da familia, desde a situación presente ata épocas pasadas. O autor non só nos mostra o ambiente hospitalario, senón tamén as difíciles relacións do personaxe central coa nai durante a infancia e a adolescencia, o trato coa irmá e o antagonismo co irmán máis vello.

Antón Lopo (Monforte de Lemos, Lugo, 1961), é escritor, xornalista e editor. Foi durante máis de vinte anos coordinador da "Revista das Letras”. Como escritor publicou obras de poesía e narrativa. Como poeta é autor de Sucios e desexados (1987), Manual de masoquistas (1990), A sombra dos rapaces mexando (1995), O libro dos amados (1996), OM (1996) e  Pronomes (1998).

Dentro da narrativa é autor das novelas As reliquias (1991) coa que gañou o Premio Café De catro a catro, O riso de Isobel Hill (2000) Ganga (2001) e Obediencia (2010) coa que obtivo o Premio Manuel García Barros. En xaneiro este ano obtivo o VI Premio de Poesía Manuel Lueiro Rey.

Lopo tamén cultivou o teatro, o ensaio no ámbito da investigación literaria e mesmo a tradución.