Concentración do BNG polo medio ambiente en Arteixo

Con motivo do incendio activo durante dous meses e medio, a concentración será mañá sábado 18 de xaneiro ás 12 horas na Avenida do Balneario de Arteixo

Con motivo do incendio activo durante dous meses e medio nas inmediacións da empresa Castro Veira, o BNG de Arteixo convoca unha concentración mañá sábado 18 de xaneiro ás 12 horas na Avenida do Balneario de Arteixo.

O incendio estivo dous meses e medio activo na parroquia de Figueiroa, ata que este pasado martes 14 de xaneiro quedou extinguido. "Chegou a unha situación tan grave que afectou á vida diaria da veciñanza, á súa calidade de vida e ao medio ambiente", dixeron dende o Bloque Nacionalista Galego.

"O BNG de Arteixo xa tiña difundida a presente convocatoria ante a falta de actuación do Concello. Así pois, aínda que nestes momentos o lume está apagado, o grupo municipal decide manter a concentración como acto a prol do medio ambiente en Arteixo", engaden.

"A concentración servirá para esixirlle ao Concello de Arteixo medidas de vixilancia e políticas a favor do medio ambiente así como denunciar a actuación do actual Goberno neste caso: mentiras, falta de transparencia, ineficacia e inoperatividade", afirma o BNG.