O Concello de Arteixo dentro do marco do Pacto de Estado contra a violencia e xénero pon en marcha CREARTEIXO. O Centro de Información ás Mulleres, da área de Benestar Comunitario que dirixe Inés Ramos, busca sensibilizar á poboación e previr a violencia de xénero no municipio, empregando o cine como eixo central das actividades.
No día a día, as persoas estamos expostas a gran cantidade de contidos audiovisuais que determinan a nosa socialización, ata o punto de ser responsables en gran parte da construción da nosa identidade individual e colectiva.
CREARTEIXO recolle varias actividades dirixida un amplo sector da poboación: no núcleo urbano e nas parroquias rurais, xente moza e mulleres maiores…que teñen en común o uso do o cine coma ferramenta educativa e de acción social:
Participar nunha creación audiovisual permitirá reflexionar sobre os diferentes roles que desempeñan mulleres e homes e poñer de manifesto as diferenzas e desigualdades. O alumnado traballará man a man con profesionais do audiovisual e con especialistas en igualdade na creación de obras audiovisuais.
A primeira reunión terá lugar o venres 10 de maio ás 17,30 horas na EXA ( Espazo Xuvenil de Arteixo).
Haberá un obradoiro práctico de cine dirixido a mulleres maiores de 55 anos no que se analizará o proceso de creación dunha película para que as participantes creen e conten as súas historias.
A convocatoria é para o luns, día 13 ás 16 horas no CIM ( Centro de Información ás Mulleres)
Unha selección de películas que se poderán ver nas diferentes parroquias do Concello permitirá ver traballos realizados por mulleres e analizar a representación das mulleres no cine desde un enfoque de xénero. As proxeccións irán acompañadas de charlas e debates.
O proxecto pecharase con unha gala no mes de xuño na que se presentarán as obras realizadas nos obradoiros.