O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, inauguraron esta mañá unha xornada de formación destinada aos efectivos de Protección Civil da provincia.
A actividade formativa, que conta coa colaboración da Garda Civil de Tráfico, tivo como obxectivo abordar asuntos como o protocolo de auxilio en estrada, as boas prácticas na atención sanitaria inicial, o Plan de nevadas do sector de tráfico da Garda Civil de Galicia e unha breve reseña da normativa legal.
Tamén abordaron o concepto de seguridade viaria, o comportamento en caso de accidente e as medidas a tomar, ou os riscos laborais dos equipos de intervención.
Participaron na actividade efectivos das Asociacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) de Cambre, Ames, Carballo, Miño, As Pontes, A Coruña, Ordes, Bergondo, Boqueixón, Santiago de Compostela, Neda, Corcubión, Valdoviño, Ferrol, Muxía, Vilasantar, A Laracha, Pontedeume, Oleiros e Culleredo.