Entregan material instrumental a Escola Municipal de Música Arteixo

Servizos Sociais, Igualdade, Sanidade e Educación, entregou material de préstamo do banco de instrumentos da Escola Municipal de Música Arteixo

A Concellaría de Servizos Sociais, Igualdade, Sanidade e Educación realizou a entrega do material de préstamo do banco de instrumentos que se convoca para o alumnado de cada curso na Escola Municipal de Música Arteixo (EMMArteixo). Para o curso 2019/2020 foron recibidas 31 solicitudes. A concesión foi do 100 % sendo atendida toda a demanda.

A EMMArteixo ten como obxectivo xeral a formación práctica en música, ademais da teórica. O servizo de préstamo ten como finalidade incentivar a aprendizaxe nun instrumento favorecendo o acceso aos medios físicos para levalo a cabo. Por iso, se aplica o principio de igualdade de oportunidades coa aplicación do establecemento de características, condicións e criterios para ser persoa beneficiaria do préstamo. Unha vez rematado o curso, cada persoa beneficiaria devolve o instrumento recibido en préstamo ao banco para ser utilizado na seguinte convocatoria.

O Concello de Arteixo habilita anualmente unha partida orzamentaria para a adquisición de instrumentos. E para cada curso analízase a demanda e adquírense os necesarios. A convocatoria e apertura de prazo de solicitude faise pública cada ano entre todo o alumnado da Escola Municipal de Música Arteixo que xa está matriculado nos niveis formativos que teñen práctica instrumental.