O IES Manuel Murguía conta cunha nova sección da Escola Oficial de Idiomas da Coruna

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, anunciou o 10 de xuño a creación dunha nova sección da Escola Oficial de Idiomas da Coruña no IES Manuel Murguía, en Arteixo, dando así resposta á demanda dos veciños deste concello. Segundo explicou o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia na súa visita a este instituto, no 2013/2014 esta nova sección ofrecerá 90 prazas de inglés...

251150_373434022737346_1532176790_aO conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, anunciou o 10 de xuño a creación dunha nova sección da Escola Oficial de Idiomas da Coruña no IES Manuel Murguía, en Arteixo, dando así resposta á demanda dos veciños deste concello. Segundo explicou o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia na súa visita a este instituto, no 2013/2014 esta nova sección ofrecerá 90 prazas de inglés, achegando as ensinanzas especializadas de idiomas á poboación da bisbarra.

Esta iniciativa enmárcase na aposta que a Consellería está a facer por favorecer o acceso de todas as galegas e galegos á aprendizaxe de linguas estranxeiras. “Non en balde –dixo o conselleiro–, durante a lexislatura pasada e o que vai desta creamos un total de 10 novas seccións das Escolas Oficiais de Idiomas en vilas das catro provincias galegas”, en concreto nas Pontes e Negreira (A Coruña), Burela e Sarria (Lugo), Ribadavia, Celanova e na propia cidade de Ourense, e en Redondela e Nigrán (Pontevedra).

Ademais, Xesús Vázquez salientou o importante incremento de prazas que se vai producir nas EOI para o vindeiro curso, un total de 1.490 prazas máis en ensinanzas regradas, o que supón un incremento do 3,5% respecto do curso actual. Destas prazas 1.225 serán de inglés nas 9 seccións implantadas polo actual Goberno durante a pasada lexislatura e con esta nova de Arteixo; así como as correspondentes ao cursos especializados para o perfeccionamento en idiomas de nivel C1 que se impartirán o próximo curso por primeira vez nas escolas oficiais de idiomas de Galicia, tanto en inglés como nun grupo de 25 alumnos de español para estranxeiros. Ademais ofertaranse un total de 240 novas prazas de xaponés e chinés repartidas nas EOI de Vigo e Ourense, dando así resposta ao interese crecente da cidadanía por estas linguas.

Por outra banda o conselleiro lembrou “no 2013-2014 continuará a aposta da Consellería pola formación lingüística do profesorado galego, cunha oferta de cursos de actualización lingüística e comunicativa (CALC) para o profesorado que inclúe 42 cursos en inglés e 11 cursos en francés, cun total de 1.060 prazas”. Ademais salientou que os docentes non teñen que pagar ningún prezo público para matricularse nas Escolas Oficiais de Idiomas, en ningunha ensinanza, “xa que valoramos o seu esforzo por actualizar os seus coñecementos como unha aposta propia de cada docente pola mellora da calidade do ensino en Galicia”.

IES Manuel Murguía, un centro de referencia

Durante o seu percorrido  polo IES Manuel Murguía, no que estivo acompañado pola delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo; polo director xeral de Educación,  Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; e polo xefe territorial da Consellería na provincia, Indalecio Cabana, Xesús Vázquez salientou a importante aposta que o seu departamento ten feito durante a lexislatura pasada e o que vai desta neste instituto.

Non en balde, foi dos primeiros en contar co proxecto Abalar, que a día de hoxe ten instalado en 12 aulas, cunha dotación de 327 netbooks; e conta ademais cun auxiliar de conversa que presta o seu apoio nas seccións bilingües que funcionan no centro nas materias de música e tecnoloxía, en 2º de ESO, e de educación plástica, música, tecnoloxía e ciencias sociais en 3º de ESO. Cómpre salientar ademais que o centro leva anos integrado no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares, así como en outras iniciativas de dinamización destes espazos. En total, estes investimentos e outras melloras realizadas no centro supuxeron nos últimos anos un investimento de preto de 200.000 euros.

Visita ao CEIP Ponte dos Brozos

Tras o seu percorrido polo instituto, o conselleiro achegouse ao CEIP Ponte dos Brozos para felicitar á súa comunidade educativa pola obtención do premio de carácter estatal para centros docentes que desenvolvan boas prácticas dirixidas á compensación do alumnado que se atopa en ámbitos sociais desfavorables. Un galardón que recoñece o traballo ‘Español con iPad para alumnado estranxeiro’, desenvolvido polo Grupo de Innovación Educativa que vén traballando desde hai anos na aplicación educativa desta ferramenta tecnolóxica.

Así mesmo felicitounos pola súa incorporación ao Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares, así como pola súa aposta pola aprendizaxe de linguas estranxeiras, a través das seccións bilingües coas que contan en 5º de Primaria. Neste mesmo sentido sinalou a preocupación deste colexio por prestar o maior apoio ao alumnado que precisa dun reforzo fóra do horario escolar, para o que este curso subscribiron coa Consellería un contrato-programa do que se benefician arredor de 50 alumnos, na modalidade de acompañamento.

Por outra banda, o conselleiro anunciou a próxima reforma do centro, para a instalación de 2 ascensores e a substitución da cuberta, que completan aos xa realizados en 2012 para a mellora da cuberta do ximnasio e as fiestras. Desta forma, tal e como sinalou Vázquez Abad, o compromiso da Xunta de Galicia co CEIP Ponte dos Brozos queda de manifesto, cun investimento de máis de 130.000 euros nas devanditas melloras, así como nos devanditos programas que funcionan no centro a prol da mellora do ensino.

Fuente: Gabinete Comunicación Consellería Educación